Saltar ao contido
8:02 h. Terza feira, 21 de Maio do 2013

Opinión

Xurxo Borrazás

Xurxo Borrazás

Escritor e profesor.
Vota:

A neutralidade e as hostias

Seica a Xunta do P.P. foi amoestada sete veces na pre-campaña pola súa homónima, a xunta electoral. Na maior parte das ocasións por excesos publicitarios de última hora, coma quen ve que a noite avanza e segue sen ligar, e daquela toma outra copa ou esnifa outra raia para armarse de valor. A xunta electoral tamén se queixou de visitas desesperadas a primeiras pedras e a obras sen obreiros en busca de alento, nunha carreira por aportar material fotográfico inaugurador e titulares abracadabrantes á prensa amiga, isto é... á prensa.

Esas sete amoestacións parécenme poucas pero hai que recoñecer que o número é bonito. Sete. A xunta electoral dictamina así que cando menos houbo sete casos en que o P.P. interferiu na limpeza das eleccións, valéndose da súa condición de goberno e manexando os orzamentos públicos para obter unha posición de vantaxe e prexudicar ao resto das forzas políticas. Entre esas sete, pasmade, non está a sinatura con zume de limón dos folios A4 que supostamente conteñen en trazo invisíbel os floteis fantasma de PEMEX. Iso, polo visto, si era legal.

Con todo, está ben que os trampeiros sexan amoestados. Se acaso, por contribuír ao debate, nós fariamos un par de matizacións. A primeira é que, polo xeral, cando alguén infrinxe a lei non é amoestado. Iso ocorre nas familias, onde o agarimo perdóao todo. Non queremos dicir que entre a Xunta e a xunta electoral haxa familiaridade, a homonimia é seguramente unha coincidencia. Pero en xeral, repito, cando alguén infrinxe a lei líbrase da bronca, simplemente é castigado.

Na Fórmula 1, por exemplo, se te cachan co motor trucado ou cunha peza non reglamentaria non perden o tempo en rifarche. Limítanse a meterche un paquete e fanche perder cinco ou dez posicións de saída, ou quítanche puntos ou non che deixan participar na seguinte carreira e así para outra vez aprendes. Porque, esa é outra, isto das amoestacións ocorre elección tras elección. E nin multa, nin che quitan escanos nin che obrigan a desculparte. Dinche que iso era trampa pero non hai consecuencias, imaxinade iso na Formula 1, un disparate. Imaxinade que polo xogo sucio no fútbol che sacasen sete cartóns amarelos pero non houbese cartón vermello.

A segunda matización é que as infraccións á neutralidade electoral teñen varias canles para seren xestionadas. Así, na apertura da campaña do P.P. en Ferrol houbo unha protesta dos traballadores de Navantia en defensa dos seus empregos e a súa dignidade. O acto perdía brillo e alguén interpretou que aquilo constituía non só un deslucimento senón unha interferencia na neutralidade. Sorprendentemente, non se enviou á xunta electoral para avaliar o asunto, enviouse ao corpo de antidisturbios para abrirlles a cabeza aos traballadores, para pechalos nun calabozo e berrarlles que eran unha merda, que ían acabar con eles e enchelos de hostias e paus. Iso si: da amoestación libráronse.

 

 

 

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion