Adeus, Rosa Bassave.
María Balteira, así asinabas as túas colaboracións na revista, de pensamento libertario galego, Arco da Vella. María Balteira, a señora do sol do poema. María Balteira luminosa, leda, libre. Coma ti, Rosa Bassave Roibal, e permíteme escribilo de novo: luminosa, leda, libre.
Riso e voz potente, ollada franca. Inmensa forza de muller loitadora. Sempre fuches coma un río solidario. Improvísase una pancarta con papel tirado de onde o haxa, e alí chántase o berro de Non á Guerra. Estoume a lembrar, só por poñer un exemplo, da primeira guerra do imperio en Irak. A guerra sempre, sempre contra o pobo que ti amabas, contra o pobo do que ti eras parte, Rosa, de profundo, confeso e convicto paficismo.
Nunca houbo que chamar por ti, se un compañeiro, se unha compañeira de traballo batía, como tantas veces pasa, coa arbitrariedade, coa represión laboral. Alí estabas. Ninguén foi capaz, endexamais, de calar a túa voz firme de apoio, sen fírgoas.
E velaí tamén a túa memoria deste noso país fermoso e triste, da Rosa que loitou no nacionalismo, que nova eras, ti e mais o Roxo, o teu Alberte, da Rosa que amaba a nosa lingua proletaria, que facía panfletos, dirixía células ou deseñaba e cosía roupa para o teatro de Vidal Bolaño. A memoria dos vencidos do 36, a Rosa na procura constante da verdade e da dignidade dos perseguidos, dos irmáns, das irmás que temos mortas.
Memoria da Rosa que, libremente, optou polo rico mundo libertario da CNT. Alí fixeches de todo, e as plumas, máis autorizadas que a deste teu compañeiro de traballo e amigo, as plumas dos teus compañeiros, das túas compañeiras sindicais e de loita libertaria non poden tardar en pasar a limpo a túa entrega. Deixarán claro o importante papel que ocupabas no anarquismo galego.
Á beira do teu compañeiro Alberte, dos teus fillos Brais e Gael, da túa filla Iris. Ben sabes, Rosa, o oco que deixas nos seus peitos. Un oco que nada nin ninguén poderá nunca encher, porque se foi para sempre o teu riso, e mais a ironía festeira dos teus dicires.
Aínda así, eu gustaría de que estas letras recollesen un berro solidario de todas e de todos os que tivemos a sorte de compartir, contigo, treitos do camiño da túa rica vida. E que o berro resoe intenso no corazón dos teus, que non están sós, neste momento tan duro.
Adeus, Rosa. Seguiremos na procura do mundo que soñabas. Pedirémoslle forzas emprestadas ao teu vehemente mar do Orzán.

