Saltar ao contido
9:57 h. Sábado, 12 de Xullo do 2014

Opinión

Xesús Constela

Xesús Constela

Vota:

Do Día ese das Letras Galegas

Vaia por diante que non me gusta que se celebre un Día das Letras Galegas, e moito menos que a xornada sexa festiva. Non me gusta nada.

Non me gusta que os xornais que ao longo do ano levan todo o seu contido en castelán ese día publiquen as portadas en galego coma unha concesión á cultura de nós. Paréceme unha tomadura de pelo!

"Non me gusta que os xornais que ao longo do ano levan todo o seu contido en castelán ese día publiquen as portadas en galego coma unha concesión á cultura de nós. Paréceme unha tomadura de pelo!"

Non me gusta que se conmemore a morte de alguén falecido como mínimo dez anos antes porque odio esa cultura funeraria. E ódioa porque son partidario das homenaxes para as persoas vivas, especialmente para todas esas persoas que con vida tecen nas mans poemas, novelas, obras de teatro, ensaios tamén abraiantemente cheos de vida.

Como pode ser que neste país de nós non exista un gran premio nacional de literatura para todas esas persoas que consagran a vida enteira a nos facer gozar do seu traballo de calidade inmensa? E non falo dun recoñecemento honorífico (que está moi ben) senón dun galardón dotado cunha boa cantidade de cartos que sirvan para expresar o agradecemento do pobo todo ao labor de poetas, narradores, ensaístas, dramaturgos, literatos en fin, que con eorme dignidade van deixar a súa pegada na nosa historia común?

Non me gusta o Día das Letras Glaegas. Nin o nome me gusta. 

"Sinto unha tremenda envexa desas rúas da cidade de Barcelona ateigadas de xente a comprar libros o vinte e tres de abril na Diada de Sant Jordi"

E aínda me gusta menos que se declare festivo porque iso supón que para a meirande parte da poboación acabe convertida nun día de sol e praia.

Sinto unha tremenda envexa desas rúas da cidade de Barcelona ateigadas de xente a comprar libros o vinte e tres de abril na Diada de Sant Jordi (O ano pasado arredor de millón e medio de exemplares!). E sinto unha envexa que é directamente proporcional á mágoa que me dá ver as librarías de nós todas pechadas nese maldito Dia das Letras Galegas festivo!

Nada. Non me gusta nada!
©Xesús Constela, 2013

 

Outros artigos
Outras voces