Saltar ao contido
20:17 h. Quinta feira, 23 de Maio do 2013

Opinión

Francisco Castro

Francisco Castro

Escritor.www.franciscocastro.blogaliza.org
Vota:

Veredes

Veredes: hoxe non me apetece abrir o twitter nin o facebook nin as pouco estimulantes páxinas de xornal ningún, nin de papel nin virtual. Hoxe, o que me pide o corpo é atopar nalgún libro dalgún poeta disparatado algún verso ou algún verbo que me desentrulle o corazón costipado pola prima de risco.

Veredes: hoxe non me apetece (volver a) preguntarme por que centella non queda viliña galega ou incluso aldea (comprobeino cos meus presbícicos ollos este verán percorrendo o país) onde os paisanos non teñan posto a rojigualda. Non sei que clase de virus lles picou a tanto galego para que se vexan necesitados de poñer a española bandeira (algunhas delas cun estraño touro incluído) en alpendres, casas, e incluso, tradicionais estruturas de galaica uralita. Hoxe, o que me pide o corpo é deitarme na herba, cervexa moi fría polo medio, a escoitar voces lindas no vento, a ver que é o que el me quere asubiar.

Veredes: hoxe non me apetece preguntarme como é que o meu país segue durmido e sen reaccionar, a pesar da convocatoria electoral, colgado de iniestas e gasoles ao mesmo tempo en que volvemos converternos nun pobriño lugar escuro produtor de emigrantes a granel e sen moita esperanza. Hoxe, o que me pide o corpo é coller á miña pequena e danzar a danza inconsciente dos que danzan danzas polo feito simple de danzar.

Veredes: hoxe non me apetece botar as mans á cabeza ao me decatar de que están a roubarnos cotas de liberdade, cultura, lingua e país. Hoxe, o que me apetece é declarame OFF e, dende fóra de todo, nas marxes, nas lindes externas, adicarme a ver un día, só durante un día, a vida pasar.

E mañá, coa miña palabra, coa miña carraxe, e co meu voto, seguir loitando para que ningún día me entren ganas de estar OFF.

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion