Refascistización da (nosa) realidade
No ano 2006 deuse un decisivo contributo en favor da lembranza das e dos represaliados polo franquismo. Decisivo porque naquel Ano da Memoria houbo no noso país un recoñecimento oficial, institucional, das mulleres e homes que teceron unha Galiza republicana e que por este motivo foron vexados, torturadas, asasinados..., xunto españois, cataláns e vascos que acreditaban no progreso solidario da humanidade sen reis, tribunos nen Deus.
Até aquela altura o único que houbera ao respeito fora un intenso traballo de base realizado por diversas entidades locais -as máis delas de minúscula dimensión, mais elevado activismo-, así como ben poucos investigadores, fronte unha administración que lle dera as costas, en definitiva, á memoria das e dos demócratas.
Así, se ben hai quen falaba e fala de (só) corenta anos de silencio -entendendo que coa doce morte do ditador agromara a primavera face a longa noite de pedra-, o certo é que o resgate activo da memoria daquelas e daqueles vencidos, das e dos demócratas diriamos en rigor, deuse macizamente nos primeiros anos do século XXI -e aínda está a se dar; así que somemos a aqueles corenta algúns anos máis...-. E é que, para alén de múltiples monografías editadas nas últimas décadas, sobre todo nos últimos anos, de importancia central que aquí queremos recoñecer -malia o seu cativo radio de acción, pola descoberta que representaron e representan da realidade galega, así como da española, no franquismo-, a transcendencia social dese resgate, parello ao vencimento daquel silencio é, penosamente, realidade/tarefa aínda dos nosos días...
Que democracia é esta na que vivemos?
Fronte esta densa estampa, é triste ollar como o fascismo non deixou de estar presente após a queda física do xeneral Franco. É ben lamentábel ollar como as e os herdeiros daquel rexime ditatorial transformáronse en recoñecidos ‘demócratas’ e se (re)acomodaron nos distintos estamentos da nova realidade xurídico-política-administrativa xurdida a partir da denominada Transición Democrática. Mais aínda pior é que, sen reserva e oposición gobernamental algunha, ao contrario, aqueles rearmáronse calculadamente na primeira década do actual século a diferentes níveis; o que deu lugar á revitalización do fascismo a pé de rúa, alimentado a través de medios comunicación criados ex novo –que se somaron a outros xa existentes de direita e ultradireita españolista-, de sobra coñecidos.
Xa que logo, mercé a esta súa revertebración, o fascismo hispánico contemporáneo –así como o europeu no seu conxunto- conta con diversas expresións que se desenvolven con total normalidade –no eido mediático, como marcamos, no educativo, no político-organizativo...-; dando lugar a un enrarecimento da vida social, no seu conxunto, que está a chegar a cotas de difícil dixestión democrática. Estamos diante dunha refascistización da (nosa) realidade, da nosa sociedade, cada vez máis ierarquizada e españolizada.
Estamos, sen dúbida algunha, nunha complexa tesitura onde temos de tomar activa posición, ao igual que noutras encrucilladas da nosa historia. Do noso ponto, unha posición favorábel a unha democracia popular que, no referido ao nacional, procure o desenvolvimento pleno da Galiza, no firme camiño cara a recuperación da súa independencia -no marco dunha redefinición do mapa oficial europeu-, e que no social procure a conquista dunha xustiza que rache coas desigualdades tiránicas que dan lugar a explotación da maioría social traballadora.
Ficamos convencidos de que é fundamental avanzarmos cara unha sociedade construtivamente crítica e unha nación que se (re)coñeza orgullosa así mesma, como tal, só posíbel superando a (re)fascistización á que asistimos.
As vindeiras eleicións na Galiza, así como en Euskal Herria e Catalunya, serán un importante fito para deixarmos clara a nosa posición antifascista e autodeterminista, en chave netamente democrática, democrática sen trampa nen cartón.

