Nominalismo
NOMINALISMO: Núñez Feijoo leva unha camisa verde é está ao carón dunha ra, nun prado. A filosofía realista dicía que as tres cousas son verdes grazas a existencia dun universal, algo presente en todas elas: o verdor de todas as cousas verdes.
Guillermo de Baskerville (portagonista da novela O nome da Rosa, inspirado en Guillermo de Occam) negaba a existencia destes universais e botaría man dunha famosa navalla: nas explicacións do mundo, debe optarse por aquelas cun menor número de factores, variables ou causas. Noutras palabras, a camisa de Feijoo, a ra e a herba non precisan da existencia do verdor para seren verdes.
AUTOMÓBILES: Nas anteriores eleccións o Partido Popular fixo dos coches oficiais un dos temas estrelas. Dalgún xeito, parecía existir unha lección moral subxacente: aqueles homes que conduciran automóbiles cun son casto e puro deberán ser considerados virtuosos. E digo isto, porque a marca da polémica eran os Audi. Fai xa moitos anos que o fabricante August Horch perdeu a disputa legal polo nome da súa compañía, pasando a empregar unha tradución do seu apelido: Horch (alemán) foi substituído por Audi (latín). As dúas verbas poden traducirse como “a escoita” e dende aquela os galegos e as galegas agudizamos o oído diante das consellerías aprendendo a distinguir entre o son dun Audi e o son dun Citroën.
LÓXICA: estuda os principios da demostración e a inferencia válida, independentemente dos contidos ou da realidade que exprese. Na pasada campaña puidemos observar un siloxismo falso en canto a contido pero tamén en canto a súa lóxica. Cando saíron os temas das cadeiras, os iates e os coches tamén saíu a flote un vello aforismo: “A muller do César non só debe ser honrada senón tamén parecelo”. Ou sexa, que calquera sospeita era suficiente para desacreditar politicamente ao adversario xa que o sospeitoso non parece honrado. O candidato (daquela) Feijoo estendeu esta lóxica perversa ampliando o aforismo: “Se o César semella honrado, entón o é”.
Dende aquela, por lóxica, Núñez Feijoo é unha pura fachada de honradez deixando para os demais as sospeitas e os parecidos.
GALEGUIDADE: Unha furgoneta Peugeot e outra furgoneta Citroën serán fabricadas en Vigo, dando emprego a xente que o necesita, e levaran o nome de Galiza como un adxectivo da marca. Cando viaxemos polo mundo e nos deteñamos nun semáforo veremos automóbiles distintos dos que se deriva un universal: a galeguidade. Logo, pode ser que o condutor leve unha camisa verde, que o semáforo se poña en verde e que ao fondo un prado verde nos leve a cavilar no verdor.
Consellos de supervivencia:
-Para todos aqueles que crean que se trata dunha medida electoralista, que dende un punto de vista económico non vai aportar nada e que a galeguidade debería ser outra cousa, lembren (xa non a Guillermo de Baskerville) senón ao propio Guillermo de Occam, acusado de herexía e arrestado por catro anos (sen que daquela houbera adianto electoral algún).
-En caso de escoitar aforismos que inclúan a Xulio César repliquen que o corruptor da muller do César chamábase Pulcro e non por iso actuou con pulcritude.
-E por suposto, sobrevivan: compórtense e crean nas aparencias (aínda que no fondo pensen que unha rosa é unha rosa).

