Saltar ao contido
4:39 h. Cuarta feira, 19 de Xuño do 2013

Opinión

Susana Díez

Susana Díez

Vota:

Manual filosófico para a supervivencia electoral VIII. Personaxes

PERSONAXES: O modelo máis abstracto de personaxe é o arquetipo no que se personifican elementos culturais que, de acordo con Jung, achegarse aos mitos. O tipo é un personaxe no que uns trazos elementais constrúen algo semellante a un retrato robot. O rol está destinado a representación dun papel social tendo en conta algunhas variábeis tanto relacionais como psicolóxicas. Cando a ocupación dun rol (por exemplo, presidente) grazas a construción dun tipo (ao través do marketing electoral) pretende acadar un arquetipo (o liderado incontestábel), sempre lembro a Macbeth e a súa ambición.

LIDERAZGO: Un líder carismático ten uns seguidores entregados á súa causa. Un líder servidor prioriza a satisfacción das necesidades sociais. Un líder xerencial manexa dun xeito eficaz os recursos. Un líder transformador impulsa, xera e consolida os cambios. Un líder estrutural crea as condicións e o marco de soporte para un momento histórico. Un líder simbólico manexa a incerteza e a ausencia de explicacións grazas a unha habilidade comunicativa.

Alguén que di que Galiza está mellor que o resto do estado español, que pode dirixir a senda do crecemento, que ten un goberno sen figuras (nin fondo, aínda que ese é outro tema), que se autoproclama o mellor para os tempos da crise e que di da economía dun país (a falta doutro discurso) que é como a economía doméstica, pretende exercer todos os tipos de liderado posibles. E claro, acordo de Macbeth.

IMAXE: Unha imaxe é unha representación dun obxecto real ou imaxinario, producindo aos ollos dos demais unha aparencia. Unha imaxe corporativa emprega calquera forma de promoción para suxerir un cadro mental ao público e axudar nas ventas. No nacemento dos estados modernos (un produto da Revolución Francesa) pretendíase acadar un país poderoso formando cidadáns traballadores e bos. Así, ese embrión do estado do benestar procurou a saúde e a educación xa que só deste xeito poderíase construír un país forte. Pola contra, cando a imaxe corporativa de Galiza só pode construírse ao través da imaxe do seu Presidente e Líder, sobra a educación, a sanidade e o estado de benestar. E claro, lémbrome de Macbeth.

CANDIDATO: Cando os tribunos romanos emprendían as súas campañas políticas, sempre sentían unha toga branca (a toga cándida) coa finalidade de causar unha boa impresión nos electores. Candidatus (persona vestida de branco) comezou a empregarse para denominar a toda persoa que procura algunha dignitadem honra ou cargo. Distínguese o candidato vítima (aquel que non quere asumir o poder), o candidato superviviete (inserido nun ambiente difícil e tendente ao caos), o candidato vitimario (acha o poder nas debilidades dos seus rivais), o candidato independente (co poder necesario para facer o que lle peta), o candidato interdependente (exitoso na súa vida individual e a elección só representa un paso máis no seu currículum).

Cando alguén se queixa de precisar a maioría absoluta porque todos están contra el, escúdase na crise para xustificar os erros, atopa satisfacción na procura dos defectos dos rivais, presume de que no seu partido fan o que el di e coquetea co paso á política do estado español, pódese dicir que debe pasar calor xa que leva todas as togas cándidas posíbeis. E claro, vénseme ao siso Macbeth.

APARENCIAS: A paradoxa de Teseo pregunta: cando a un obxecto substitúenselle todas as súas partes, segue a ser o mesmo? O paradoxo de Sorites inquire sobre o intre no que un montón de area deixa de selo ao irlle quitando graos. O paradoxo popular coloca a Núñez Feijoo nunha cociña explicando a todos os galegos que sabe máis ca todos nós pero (ao tempo), é un de nós.

Consellos de supervivencia:

Opción A (cando a presentación é “líder e candidato total”):

Nada se ten, todo é perdido

Cando o noso desexo cólmase sen pracer

É mellor ser o que nós destruímos

Que ao destruilo non vivir senón un goce dubidoso

(Fragmento de Macbeth, obviamente).

 
Opción B (cando a presentación é “un rapaz sinxelo de aldea”):

Soy la que no tiene nombre,

La que a nadie le interesa,

La perdición de los hombres,


La que miente cuando besa.

Ya...lo sabe... Yo soy... esa

(Fragmento interpretado por Isabel Pantoja, obviamente)

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion