Saltar ao contido
19:46 h. Domingo, 19 de Maio do 2013

Opinión

Francisco Castro

Francisco Castro

Escritor.www.franciscocastro.blogaliza.org
Vota:

Non pasa nada

A ONU informou de que o exército sirio mata nenos e nenas, tortura nenos e nenas, viola nenos e nenas, e usa nenos e nenas como escudos humanos.

Pero non pasa nada.

Sabemos que grandes marcas de produtos de consumo varios, algúns deles supermegapijosdelamuerte usan nenos e nenas como man de obra escrava.

Pero non pasa nada.

Sabemos que dende o primeiro mundo organízanse viaxes, con todas as comodidades e facilidades, visados e papeleo resolto, para que homes, polo xeral maduriños (e xa que estamos, feos) visiten países onde poderán, por uns cinco euros máis ou menos, deitarse (non, esta verba ten connotacións incluso amorosas, corrixo), poderán, corrixo, foder a nenas da idade das súas netas.

Pero non pasa nada.

Sabemos cales son os nomes dos grandes traficantes de armas que alimentan os conflitos bélicos nos lugares empobrecidos do mundo, guerras nas que os nenos son obrigados a matar e nas que morren e, se non morren, quedan eivados psicoloxicamente para sempre.

Pero non pasa nada.

Sabemos que a pesar das prohibicións internacionais, algúns países fabrican e comercian con minas antipersoas, as mesmas que mutilan para sempre miles de cativos pola xeografía empobrecida toda.

Pero non pasa nada.

Este é o noso mundo. Unha realidade que, en nome do diñeiro, sacrifica, sempre, aos máis febles.

E non pasa nada.

Mais como La Roja non pase á seguinte fase...daquela si que vai pasar algo. Vai arder Troia, xa verás.

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion