Saltar ao contido
8:20 h. Sábado, 18 de Maio do 2013

Opinión

Mónica Bar Cendón

Mónica Bar Cendón

Vota:

Mateino porque era teu

Vaise recoñecendo que a violencia de xénero revela os máis escuros instintos da especie humana, ata o punto de que ningunha persoa decente se atrevería a desculpala, polo menos, en abstracto. Pero pode suceder que ata persoas decentes e seres sensibles se paren a indagar o motivo real para bater, violar ou asasinar ás mulleres ou fill@s.

Tamén decentes se consideran os creativos que deseñan camisetas para a xuventude con frases como “...una hostia a tiempo te pone a andar”, o produto -polo visto, moi exitoso- dunha tenda de prendas “progres e cachondas”.

Recentemente foi difundido un vídeo no que un concelleiro de Bildu ameaza en nome de ETA a uns seareiros da selección española. O cesamento automático irá seguido dunha importante sanción, que sen dúbida merece, por actuar de pistoleiro polas rúas. Non recordo que ningún político, nin xuíz, nin establecemento público, fose sancionado ou detido por practicar ou incitar á violencia de xénero.

Unha e outra vez convén recordar as cifras para entender a magnitude do fenómeno. Desde 1999 ata hoxe 11 de xullo de 2012 morreron 1007 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. No que se refire ás criaturas, segundo a Asociación de Mujeres Separadas y Divorciadas, xestora do Centro de Recuperación Integral de vítimas da vdx, a cifra de asasinad@s polos seus padres no mesmo período é de 81. Son fontes contrastadas e actualizadas. Non se pode dicir o mesmo dos deficientes arquivos oficiais como os do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, ou mesmo da Secretaría de Igualdade da Xunta, que non aportan cifras sobre @s menores asasinados, e os datos das mulleres non se actualizan desde hai meses.

Coa Lei de familia en man parece ser que o interese da Xunta no ámbito da familia radica no “obstetrícico”, obviando que as nenas e nenos xunto coas súas madres son maltratados e asasinados. Iso si; que non falten os paripés diante do edificio oficial, nin as subvencións ás asociacións caritativas, e que se busquen a vida o resto.

Non obstante aplaudimos o Observatorio de violencia -xa se fixo esperar cinco anos- se ademais de reunirse dúas veces ao ano á cuantificar as vítimas, nace con algunha competencia valorable en materia de prevención.

Fóra das abstraccións, emerxen as mortes e o dato descorazonador de que as denuncias das maltratadas vense mermadas (a 367 diarias) polas dificultades económicas, dilatando a convivencia co maltratador ata límites insostibles.

Actúase tarde e mal porque non se afronta esta rama de terrorismo, o t. patriarcal que actúa tal kamikaze en calquera domicilio ou espazo público do noso territorio, porque o mesmo sistema o propicia.

E cando as mulleres logran saír do círculo infernal, saen os políticos ineptos a demandar a custodia compartida, por lei. Esta é a principal reivindicación das Asociacións de padres separados nas que se camuflan furiosos maltratadores moi influentes. Pero tratarei o asunto noutra ocasión, so o traio á palestra para que se valoren as tremendas consecuencias desta custodia compartida en casos de vdx. Un home de 51 anos, imputado por maltrato, e separado da súa muller mata ao seu fillo de 10 anos. Planifica a súa vinganza contra a muller e nunha desas obrigadas visitas ao neno, asasínao espetándolle unha chea de puñaladas; acto seguido métese co rapaz xa falecido no coche e préndelle lume. Previamente se asegurara de que a súa muller vira en directo o arrepiante espectáculo.

O xuíz facilitou o “dereito” ás visitas a un pai, coñecendo os seus antecedentes, pero non pagará polo erro; unha ilegalidade que pretenden respaldar por lei.

O mundo estase enchendo de mulleres mutiladas, de fill@s mutilados mentres os apoios gobernamentais rebaixan as posibilidades dun futuro esperanzador para esas criaturas sobreviventes á barbarie.

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion