Saltar ao contido
9:21 h. Domingo, 19 de Maio do 2013

Opinión

Mónica Bar Cendón

Mónica Bar Cendón

Vota:

Coprólitos


Ademais dun ocorrente termo para levar ás nubes a un grupo rock, os coprólitos contan da presencia dunha especie mesozoica que poboou o noso planeta durante uns 160 millóns de anos, e cuxa extinción aínda resulta un enigma. Pensar no Mesozoico lévanos a imaxinar un mundo hostil ateigado deses “lagartos terribles” (dinosauros) uns animais horrendos, a meirande parte vexetarianos, pero devoradores de todo organismo florecente, e tremendamente cagóns. Moitos dos vestixios foron atopados ao longo dunha rota, xa chamada dos dinosauros, que abarca as provincias da Rioxa e Soria.

Contoume unha amiga que na aldea de Bretún, de 11 habitantes, vive unha guía amateur octoxenaria, dona Sara, que leva trinta anos falando das icnitas tridáctilas, dos dinosauros bípedes, dos Triceratops cuadrúpedes -e dos seus coprólitos- coa mesma naturalidade coa que se tiraba a rolos de nena polas lombas.

Sara, uniformada de cinguido mandil e tenis, saltando de rocha en rocha, vai sinalando co seu bastón de mando as diversas pegadas dos saurios que asinaron o seu paso por aquelas terras de area e lama, rubindo pola ladeira de Bretún ata a casa parroquial e os currais do pobo, hoxe abandonados.

Non sei que faría desaparecer aos dinosauros. As investigacións dos británicos David M. WiIkinson, Euan G. Nisbet e Graeme D.Ruxton, que recentemente deron a luz na revista Current Biology, revelan que o metano producido polos saurópodos podería ter axudado ao quencemento climático no período Mesozoico, polo que podemos deducir un autoexterminio provocado polo gas emitido dos seus propios intestinos.
Erguerse pensando en sauros non me sucede a acotío, se cadra debe coincidir ca sensación de estar cohabitando cun elo desta especie depredadora do cretáceo, que ameaza con desbaratar todo o que cheire a público, laico e feminista.
Ignoro se os sauros actuais deixarán os seus coprólitos para que as Saras do futuro expliquen que naquel lameiro existiu unha escola pública laica e que todo comezara cuns terribles bípedes humanos ,cuxas fauces devoraban os brotes tenros das árbores da democracia en lugar de mimar as raíces, abonalas e facer sementeiras.

Non me digan que a estas alturas da historia os bruxos das tribos van plasmar outra volta as súas icnitas nos libros escolares, ¡por favor!.


Ps.- Parabéns á Nova Escola Galega polo seu labor de trinta anos sorteando dinosauros.

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion