Saltar ao contido
9:31 h. Quinta feira, 23 de Maio do 2013

Opinión

Manuel Mera

Manuel Mera

Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi presidente da CIG.
Vota:

Tempos axitados dentro do continuísmo

Os resultados das eleccións autonómicas amosan ante todo que temos unha sociedade pouco politizada, onde os medios de información ao servizo das clases dominantes teñen unha gran incidencia, e que esta utiliza ademais todos os recursos do sistema para os seus fins, mesmo o poder xudicial. Algo que é común a moitos outros países neste contexto de globalización neoliberal. Mais, sería cómodo ficar nesta análise simplista, fuxindo de calquera responsabilidade por parte das forzas que loitan pola liberación na Galiza, xa que se cometeron pola súa parte erros políticos e organizativos na última década. E aínda que se tomaron decisións para corrixilos, por exemplo por parte do BNG, o certo é que os ritmos internos para homoxeneizar a toda a organización, rectificar métodos de traballo, renovar cadros e transmitir os cambios á xente, requiren unha maior urxencia dado o estado de ánimo da xente, como acaba de amosar o resultado destas eleccións. Para alén de cal sexa a valoración política que cada un de nós faga de AGE, o certo é que sectores da poboación, da mesma base do nacionalismo, e unha importante franxa da mocidade, viron a esta alianza como máis antisistemica que o BNG, e polo tanto atractiva para que faga de mediadora das súas reclamacións.

Son dos que penso, e así o teño dito en artigos anteriores, que nesta campaña fíxose polo BNG un discurso con argumentos, refugando a consigna fácil, e que ademais as persoas escollidas eran axeitadas. Agora ben, tamén afirmaba no meu anterior artigo neste medio que debe concretar máis a postura diante de temas como o euro, se a burguesía española é submisa ou socia de Merkel (...) e inserir unha practica cotiá a nivel de base que reafirme a soberanía nacional e a loita de clases, deixando atrás o practicismo tacticista. Dicía que sabía e comprendía que isto levaba o seu tempo, mais agora estas eleccións amosaron que o nacionalismo anticolonial está xogando en tempo extra. Daquela, coido debería acelerar os procesos sobre decisións tomadas na última Asemblea Nacional.

 

"O BNG debe inserir unha practica cotiá a nivel de base que reafirme a soberanía nacional e a loita de clases, deixando atrás o practicismo tacticista"

 

O chamado movemento nacional galego, malia este recuar nas eleccións autonómicas, é unha forza poderosa, con milleiros de militantes e bos cadros, con representación en ducias de concellos, e cunha enorme incidencia no sindicalismo e nas organizacións sociais de todo tipo. Ten unha gran experiencia e un proxecto común moi interiorizado, xa que foi amplamente debatido durante os últimos anos, mesmo asumindo unha postura autocrítica de certos aspectos do goberno bipartito. Durante unha década, abandonou a liña tradicional da organización, pretendendo gañar sectores do PP ou do PSOE con propostas e modos de traballo mornos e de pura xestión. O acertado da rectificación da Asemblea de Amio vese con estrema dureza nestas eleccións.

Con estes resultados ábrese con gran forza un debate na esquerda en Galiza sobre o tipo de organización, a cuestión da soberanía, os camiños e obxectivos para dar solucións á capacidade de produción e distribución da renda e do traballo. Este deixa de ser un problema intranscendente para ter gran importancia, aínda que a loita contra a dereita centre os principais esforzos. Tamén vai ser un tema central a necesidade de medios alternativos, organizacións moi achegadas á xente, para acadar unha base social moi politizada que sexa refractaria ao predicamento das clases dominantes.

Por outra banda, malia o éxito electoral AGE non por iso deixa de ter importantes atrancos que superar nos vindeiros meses. Ante todo debe aclarar aos 200.000 votantes que puxeron a súa confianza nestas siglas por cal das tres opcións posíbeis se vai inclinar: unha organización que pivote en función da directrices de IU en Madrid; avanzar á constitución dunha forza de ámbito galego totalmente autónoma; ou que cada unha das forzas que a compoñen actúe de forma independente. Non é un problema menor, xa que segundo sexa a solución a este dilema será a súa resposta aos problemas do pobo galego e as relacións coas organizacións nacionalistas de base. Tampouco se pode ignorar, que o nacemento de AGE non permitiu derrotar ao PP, como algúns aseguraban, e que en troques abre novas disputas na oposición; aspecto que ten unha dobre lectura, xa que por un lado é un revulsivo e por outro favorece o fraccionamento. No alento deste novo escenario os medios e os protagonismos persoais xogaron o seu papel.

 

"Para mudar a realidade, ademais de votos, no estratéxico é fundamental unha potente forza política con incidencia directa na sociedade".

Por último, o nacemento dunha forza máis moderada que o BNG como CxG foi un fracaso total, amosando máis unha vez que non existe espazo pola dereita para o nacionalismo. E ademais, non debemos esquecer, que malia a continuidade da dereita no poder e o éxito de AGE, a alta abstención e o volátil da situación económica configura un contexto de gran conflitividade social e nacional, e unha correlación de forzas políticas que pode mudar rapidamente. Lembremos, que para mudar a realidade, ademais de votos, no estratéxico é fundamental unha potente forza política con incidencia directa na sociedade. Neste aspecto o BNG xa ten un gran camiño percorrido, mesmo nas situacións máis adversas.

  

 

 

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion