Saltar ao contido
18:05 h. Domingo, 20 de Abril do 2014

Opinión

Manuel Mera

Manuel Mera

Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi presidente da CIG.
Vota:

Independencia, confederación, federalismo...

Analizaba nun artigo anterior que é fundamental para as clases populares na Galiza unha ruptura democrática, como único xeito de frear a destrución da identidade nacional, a explotación laboral, e a desfeita ideolóxica, así como para conseguir a igualdade de xénero e que se respecte a vontade e o protagonismo político do pobo. Agora ben, nun país como o noso, con características coloniais, esta ruptura é imposíbel sen conquistar a plena soberanía nacional. Neste marco de dependencia, con gobernos de esquerda no estado e na UE, un avance nos dereitos laborais e nas prestacións sociais podería mellorar algo as condicións de vida da maioría social e reducir o desemprego e a emigración, mais non mudaría a tendencia á centralización da riqueza e do poder, polo que se mantería e ampliaría o diferencial do desenvolvemento entre territorios. Ademais, todo amosa que o axuste seguirá, e se fará tanto a conta das clases populares como das nacións dependentes, especialmente as que carecen de estado propio.

En todos os períodos vividos nos últimos 40 anos, dende a ditadura até a integración na Unión Europea, a centralización foi a tendencia dominante, que nen sequera o bipartito, malia a boa vontade política do BNG, foi quen de mudar, sen importar que gobernase a dereita ou a socialdemocracia en Madrid. Lembremos, como analicei noutro artigo, que nen a URSS foi quen de dar unha solución definitiva ao tema nacional, sendo até hoxe a experiencia histórica máis avanzada neste aspecto. Concretamente, en toda esta etapa, aínda que na Galiza medrou a poboación asalariada, aumentaron as prestacións e servizos e a construción de infraestruturas, ao mesmo tempo destruíuse o sector agro-gandeiro, apropiouse o capital foráneo da maioría das empresas, perdemos peso demográfico e político, e déronse pasos atrás na identidade co país. En resumo, os avances económicos e sociais foron construídos sobre alicerces moi febles e dependentes, sacrificando identidade e control sobre a economía e a información e precarizando o emprego.

"A práctica amosou que a autonomía, sendo un progreso sobre a situación anterior, non permite avanzar neste tempo histórico, e tampouco serve para defender a base material e cultural acumulada durante séculos"

A práctica amosou que a autonomía, sendo un progreso sobre a situación anterior, non permite avanzar neste tempo histórico, e tampouco serve para defender a base material e cultural acumulada durante séculos. Non é casual que sexa así na Galiza, cando en nacións como Euskadi, Cataluña ou Escocia, cunha base material moito máis desenvolvida e un nivel de auto-organización máis forte, amplos sectores sociais consideran que non hai máis alternativa que reclamar a independencia. Aínda que non coido que a UE sexa un marco apropiado para superar estas eivas e atrancos, tendo en conta as políticas neoliberais que practica, hoxe esta é a proposta en cada un destes procesos a prol da independencia, dada a orientación ideolóxica maioritaria existente nos mesmos. A proposta de independencia non obedece só a un avance da conciencia política, senón á necesidade imperiosa destes pobos, incluída unha parte da súa burguesía, de defender os seus intereses nun mundo globalizado, con economías de escada e no medio dunha guerra polo papel de cada país na división mundial do traballo que pode marcar as vindeiras décadas.

As propostas que podían ser críbeis para Galiza até hai catro décadas, como unha confederación de nacións ibéricas, sumando Portugal, como propuña no seu día o Partido Galeguista como alternativa á independencia, carecen hoxe de sentido, tendo en consideración o desenvolvemento do capitalismo e dos medios de información e cultura de masas. Ademais sería unha confederación dentro dunha confederación, a Unión Europea. Tampouco sería unha opción máis doada, como semellaba na chamada transición por mor da debilidade das clases dominantes, dado que hoxe hai unha oposición frontal a calquera recoñecemento do dereito de autodeterminación por parte dos partidos representativos tanto da dereita como da esquerda española. Ademais, non podemos esquecer que a importancia dos intercambios comerciais, o control exterior sobre as empresas fundamentais e os medios de comunicación hexemónicos, manterían a supremacía das clases dominantes, concentradas especialmente en Madrid, sobre a economía, cultura, lingua e política do país. E isto só se podería reverter cunha ruptura radical, e unha confederación, como todos sabemos unifica, cando menos, a economía, os servizos e as comunicacións.

Por suposto, menos sustento ten a defensa dunha federación que, aínda que consolide á división de competencias, fai do Estado español o suxeito único da soberanía. Sería un sen sentido propor o recoñecemento do dereito de autodeterminación para despois renunciar a el. Isto nunca pode ser unha alternativa do nacionalismo. Tamén quero dicir que malia as limitacións do propio marco autonómico, este serviu no caso de Cataluña, como base para acadar a hexemonía política tanto social como institucional, e forzar agora a situación no ámbito político cun referendo a prol da independencia.

"Na loita pola ruptura democrática cómpre sobre todo garantir o dereito de autodeterminación, para que o pobo galego poda decidir en liberdade o seu futuro".

Só temos como alternativa a independencia nacional para salvar a nosa identidade e desenvolver social e economicamente Galiza. Na loita pola ruptura democrática cómpre sobre todo garantir o dereito de autodeterminación, para que o pobo galego poda decidir en liberdade o seu futuro. Daquela temos que unir a todos e todas os nacionalistas de esquerda que estean a prol dun Estado Galego, da República Galega, como suxeito de soberanía. A práctica política irá aclarando posturas e axudando a corrixir actitudes que semellan propias da desconfianza nas propias forzas. Ningún nacionalista consecuente pode rexeitar a oportunidade de ter un país independente. Tamén sería lóxico que apoiase unha confederación, se a correlación de forzas non permite nese intre a plena soberanía. Lembremos o proceso de independencia de Irlanda, que se desenvolveu en dúas etapas. Aínda que, neste contexto, todo amosa que son igual de difíciles ambos obxectivos, malia que, volvo repetilo, unha confederación non garante totalmente a recuperación da nosa identidade e a xustiza social. Por outra banda, trátase de ser didácticos, de non facer das palabras unha elemento de diferenza con aqueles que temos máis próximos; para min, e a inmensa maioría da xente, plena soberanía, Estado galego e independencia son homologábeis. Empreguemos en cada momento e ámbito a que sexa máis axeitada.

En resumo, ten razón Guillerme Vázquez, quen por certo merece todo o meu recoñecemento pola laboura feita á fronte do BNG, cando afirma: que a independencia non resolve todos os problemas do pobo galego, mais sen ela é imposíbel que se solucionen.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Outros artigos
Outras voces