Sen teito
En tempos de crise, aumentan nas cidades as persoas “sen teito”. Nos portais, soportais, nas prazas, aniñan como anduriñas seres que foron perdendo a saúde, o sentidiño, a personalidade, o control.
Coñecemos persoas que sufriron ruínas semellantes, quedaron incapacitados para a vida activa, pero son de familias podentes, con excedente para mantelas na casa ou mesmo ingresalas nunha casa de saúde para que leven unha vida digna.
O que une á xente sen teito é a pobreza. Ser, foron útiles e productivos outrora. Cumpriron co capital antes de perderen o emprego, caeren na depresión, na enfermidade, seren unha carga para a familia sen recursos e afundirse na soidade e no illamento. A dexeneración é progresiva. Tocan fondo. Pérdense na rúa. Elas xa nin serven para seren prostituídas. O alcohol, o opio da súa clase, enche o baleiro. Ao seu paso deixan pestilencia. Van morrendo entre ludro e ninguén os chora.
Foran seres normais, serviron á sociedade antes de seren tragados pola pobreza extrema. Os momentos de crises son propicios. “ A aparición da pobreza común está unida ao emerxer da reserva da masa traballadora desocupada, ambas son condición de existencia da produción capitalista e do desenvolvemento da riqueza”. Palabras acusatorias de Marx.
Precisamos unha sociedade que tome conta das persoas que non teñen traballo ou, simplemente, non son aptas para traballar. Abonda a xente productora para engordar o capital, que non se dá farto.
Unha economía que pode insuflar millóns nos Bancos, recrearse en paraísos, fiscais ou non, ou gastar unha millonada en confort e pracer para as súas mascotas, ben pode impedir que unha parte da humanidade malviva en condicións infrahumanas.

