O pracer da vinganza
A Presidenta da Asociación de Vítimas do Terrorismo de Eta, chea de rabia, que non de razón, presentouse ante o tribunal para protestar contra a concesión de liberdade ao etarra J.U.Bolinaga que padece un cancro terminal. Por motivos humanitarios, as Institucións Penitenciarias e o Ministerio do Interior acordaron a súa posta en liberdade.
A xustiza debe ser unha virtude social que acorda un consenso amplo do considerado bo ou malo. Mesmo se estimou bo condenar o etarra, no seu momento, agora tamén xulga bo deixalo pasar o tempo que lle reste de vida en mellores circunstancias. Nestas alturas da democracia, a ética, a honestidade deben superar actitudes cavernícolas.
O sistema legal de calquera país civilizado persegue a reforma e a reeducación nos cárceres. Non acredito demasiado en que sexa o lugar axeitado para tal fin. Nas cadeas permanecen confinados e mesturados toda clase de seres violentos, delincuentes, criminais co que o contaxio do mal é máis probable que a rexeneración. Acredito máis na reflexión que, co paso do tempo, poden realizar as persoas para recoñecer, e mesmo horrorizarse, dos propios actos criminais.
Sexa como for, as leis e a tolerancia substituíron ao ollo por ollo e dente por dente de épocas primitivas nas que as emocións e os sentimentos predominaban sobre a razón.
Así de sentimentais se mostran as de A.V.T. ao reclamar vinganza contra o recluso en liberdade. Unha vinganza que significa o desquite contra unha persoa en resposta á súa acción. Perseguen esas “vítimas” o obxectivo máis noxento: forzar a quen fixo mal a sufrir o mesmo que infrinxiu. Gozan co rancor e co odio. Pertencen á época das vendettas.
O xuíz Grande Marlaska díxolles: “entendemos a vosa dor, pero nós só podemos aplicar a lei”. Non é comprensible a súa dor. É un sentimento abominable doerse do sufrimento alleo.

