Saltar ao contido
14:36 h. Quinta feira, 20 de Xuño do 2013

Opinión

Mª Xosé Queizán

Mª Xosé Queizán

Escritora.
Vota:

Fado

O Fado, a canción portuguesa máis enxebre, foi nomeada Patrimonio Inmaterial da Humanidade en novembro de 1911. O nomeamento prodúceme gran satisfacción porque “amo” o fado, escoiteino con devoción e respecto nas tabernas fadistas, e discutín, daquela, con galeg@s que abominaban da canción ao relacionala co sistema ditatorial portugués. É insensato conectar unha música ou canción co goberno de Salazar ou de quen fose. Non imos desertar de Bethoven ou de Wagner..., por moito que os nazis o escoitasen mentres ardía o pobo xitano nos fornos crematorios. Nunca deixei de escoitar fado, acompañado do son, do inigualable timbre, da guitarra portuguesa, descendente da cítara, instrumento do Renacemento europeo, introducida pola colonia inglesa de Porto no s. XVIII.

Aí, no porto, nos tugurios de mariñeiros, cantado por mulleres prostituídas, no seo popular, nace o fado. É unha canción urbana de arrabalde, como o tango, a copla ou tonadilla. A canción do desarraigo, a canción das persoas soas, pobres, traizoadas. Os señoritos bohemios que se perdían polos antros malditos déronlle lustre e notoriedade.

O fado, que pode ter como antecedente o phatos grego: a paixón, o sentimento, que xa o ensaísta Celestino Fernández de la Vega, tradutor de Heidegger ao galego, relacionaba coa angustia existencial.

Tamén o fatum latino: o fado, o destino, que acostuma ser fatal. Ter mal fado é ter mala sorte.

O que distingue o fado do resto das cancións urbanas e de arrabalde, é o sentimento da Saudade, que foi tan ben expresado por poetas portugueses e galegos. Camoëns, (Cantado por Amalia Rodrigues) Rosalía de Castro, (A Negra sombra ou O Cravo), Teixeira de Pascoâes e moitos máis, que chegaron a sentir a “saudade da saudade”, son representantes dunha mágoa de carencia, melancolía, de sufrimento e fame, que afortunadamente está xa afastada da mocidade actual. Esperemos que a crise non a faga renacer.

Mais aí temos esas cancións para gozar. Hoxe, o Instituto Camoêns de Vigo, celebra un acto reconstruíndo unha taberna lisboeta e escoitando fado, para celebrar o Premio Inmaterial da Humanidade, que se vai materializar no pracer de escoitalo. Parabéns.

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion