Hoxe defendo aos políticos
Un estudo publicado a primeiros de semana informaba de que os principais "problemas" da cidadanía son, seica, os políticos, os bancos e os recortes. Por esa orde. Primeiro, os que nos representan. Logo, os que gardan e moven e fan e desfán cos nosos cartos. E finalmente o que a pesar de que é noso por dereito, nos quitan.
Para min, este tipo de conclusións socioloxicamente máis que dubidosas (cando o fuciñazo do Rei polo do elefante, a Coroa era un problema, agora xa non) demostran con claridade a habelencia do sistema capitalista (sinto, pero debemos seguir falando nestes termos que coidabamos superados) para derivar a atención cara o supérfluo impedindo, así, que nos ocupemos do esencial. Así, como temos alguén en quen mallar (coma a nai do árbitro) xa non temos por que entrar en máis profundidades. Se con insultalos, aldraxalos e culpalos de todo, a xente xa desafoga, daquela, os verdadeiros culpables (os señores do mercado) poden respirar acougados pois a culpa xa está repartida e daquela aquí non pasa nada.
Mais o problema é o sistema, non os políticos. O problema é unha organización da realidade que prima o beneficio duns poucos aínda a costa da maioría, que dá supremacía ás contas correntes por enriba da xente, e a quen non lle quita o sono provocar guerras se con iso se gañan cartos ou poder.
Ese é o problema, non os políticos.
Hainos corruptos, claro. Incompetentes, por suposto. Como xornalistas, escritores, editores ou, eu que sei, nadadoras de natación sincronizada, por dicir unha chuminada olímpica. Mais eu sei de políticos e políticas honrados, traballadores e boa xente. Que sofren coa dor allea. Que están na política para tentar construir un mundo mellor.
Cando centramos toda a crítica -o facebook mete medo nese sentido- nos políticos, así, en abstracto (todos ladróns aproveitados chourizos fillos da Grandísima), o que estamos a facer, ademais de darlle azos aos fascismos varios e variados que non cren na democracia e que ofertan a súa totalitaria alternativa, o que facemos é tamén coller o camiño máis doado. Criticámolos a eles e a elas e xa está. Que os saquen a todos e punto...
Pero non, non é iso nin é tan doado.
O que cómpre mudar é o sistema. Hai que ir cara outro modelo. Se temos que decidir onde está o mal, dende logo non está neles. Nin sequera nos bancos.
O problema é o sistema.
Sinto, pero eu, hoxe, defendo os políticos.

