Saltar ao contido
19:52 h. Sábado, 25 de Maio do 2013

Opinión

Francisco Castro

Francisco Castro

Escritor.www.franciscocastro.blogaliza.org
Vota:

Que marabilla

Eu son escritor, e vivo no mundo dos soños. Como a realidade non me chega, collo as palabras todas do dicionario, mestúroas procurando semánticas atrevidas e chamo polos personaxes, por todos eses que dalgunha maneira, os bos e os menos bos, son eu. Velaí outra sorte: exorcismo diario, fantasía permanente, loucura controlada a base de verbas de regalía. E síntome privilexiado por poder vivir o xogo, sempre infantil e liberador, da creación, que me pon en órbita, que me permite marchar do mundo, por exemplo canda Marco Polo a botar unhas parrafadas co Gran Kahn, ou con Simbad, os dous abeirados ás persas alfombras que mellor voen.

Eu son escritor, feliz de pertencer á esaxerada estirpe dos que oficiamos este labor inútil mais pracenteiro, pouco produtivo en termos de economía real pero que nos fai ricos en termos de economía vital, que é a escrita. Porque vivimos moitas vidas, morremos moitas mortes e amamos todos os amores que nos pete.

Escritor. Non son outra cousa. O día de mañá poida ser que deixe outros labores, que gañe o pan facendo outras cousas, pero nunca deixarei de ser escritor aínda que non volva escribir, aínda que non volva publicar, aínda que ninguén me lea. Porque os que estamos enfermos disto xa nacemos, probablemente, así, e sabemos quen somos e que queremos facer coa vida moito antes, por suposto, de que nos cheguen as palabras e as primeiras letras, e moito antes, dende logo, de sabermos descodificar eses máxicos signos que son as grafías da linguaxe.

Eu son escritor. E ademais en lingua galega. Así que nos meus libros hai verbas coma recendo, achouchío, ledicia, amorodo ou señardade. E por iso vivo, tamén, no País da Beleza.

E dígome a diario: son escritor. Que marabilla.

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion