Saltar ao contido
5:12 h. Terza feira, 21 de Maio do 2013

Opinión

Francisco Castro

Francisco Castro

Escritor.www.franciscocastro.blogaliza.org
Vota:

Pero que carallo saberán os bispos?

Eu creo que xa está ben. Eu creo que xa abonda. Eu creo que cómpre falar claro de vez, aínda que non lles guste, aínda que alguén se moleste, aínda que nos excomunguen. Así que disimulen o arrouto do título deste artigo pero, despois de ler as declaracións do bispo de Córdoba sobre como lle gustan as mulleres aos homes, a saber e segundo o seu experimentado coñecemento, que sexan femininas (xa sabes o que iso adoita significar: quietñas na casa, ao servizo dos homes, solícitas, obedientes...) a min xa non me queda outra que dicir que hai que frealos e sacalos do ámbito de influenza civil, por difícil que tal cousa sexa. E non porque me digan como é que me gustan a min as mulleres (iso xa o sei eu), ou polas advertencias reiteradas sobre que España se rompe (que raio significará iso) senón porque as súas opinións (non a deste señor en concreto senón as da curia en xeral) adoitan ser tidas en conta por gobernantes, e non só do PP (valaí tendes a san Paco Vázquez de La Coruña facendo méritos) e daquela rematan influíndo na redacción das leis e, xa que logo, na vida de todos, incluso nas de quen, coma min, non quere participar da súa visión do mundo.
Por iso digo que xa abonda de que estes homes deiten cátedra, dende hai séculos, sobre o que debemos pensar, como debemos ser, que é moral, que ilícito, que respectable e, manda truco, que debe ser legal e que hai que dicir nas aulas.

Digámolo claramente: o noventa por cento das veces nas que os roucos, kikos beneditos abren a boca é para condear, castigar, satanizar, marxinar, criminalizar e alentar odios. Falan contra o laicismo, a libre opción de escolla sexual, o aborto, o divorcio, as vodas entre persoas do mesmo sexo...en definitiva, falan en contra de todo aquilo que, co paso dos anos, os homes e as mulleres nos demos democrática e libremente como guías racionais de conduta. Así pois, contra toda a sociedade, en definitiva, erguen a súa voz, negra coma as súas insolidarias sotanas cavernícolas. E nin unha palabra, iso si, contra os curas pederastas. Nin unha encíclica de apoio aos parados. Nada en absoluto.

Xa abonda de aturalos. Xa abonda. Somos maiores de idade. Sobran estas tutelas. Hai moito que están de máis.
Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion