Lectores, votantes...
Alberto Manguel di que o mellor protagonista dunha novela é un lector ou lectora intelixente. Nunca o vira así, máis concordo por completo. A literatura, para min, quero dicir, no meu caso concreto (sen ánimo de teorizar nin de dar unha definición válida para todo o mundo: líbrenme os deuses de ser algún día unha persoa que fale así, cheiñaderazón) serve(me) como medio de comunicación e, daquela, se o meu libro cae nas mans e sobre todo no corazón dun ser intelixente que empata por completo comigo e co que escribo, daquela a comunicación produciuse, e a felicidade, cando menos a miña, aparece. Porque, deixémonos de andrómenas: escribimos para que nos lean. E os que din o contrario (eses que o fan para selectas minorias) probablemente é porque, en efecto, non hai quen os lea (agás a selecta minoría moi minoritaria mínima minimísima minimal). Con perdón.
Todo este longo circunmonólogo (toma verba) para, coma sempre, falar de política. Aínda que, non nos enganemos, todo, absolutamente todo, dende os versos máis herméticos a ver a tele, é política. Xa está ben de falar de xente apolítica. Aquí non é apolítico ninguén. É imposible. E menos en Galicia.
A frase de Manguel traída, pois iso, á política, implicaría que, para un candidato, o votante ideal sería un votante intelixente, é dicir, aquel que le os programas, reflexiona antes de emitir o seu voto, pescuda entre as distintas opcións cal é aquela que é obvio que máis preto está da xustiza e a moral, e segundo todo iso, decide.
Eses son os lectores e votantes e televidentes e peóns e pais e nais ideais e, en definitiva, eses son os cidadáns e cidadás con C maiúsculo. E vémolo así, escrito por min aquí nesta pantalla na que ti me les, e semella utopía, quimera, ironía do autor destas liñas mais, a nada que o pensemos, deberían ser a norma, nunca a excepción.
E coma eses non abondan, triunfan literaturas light e políticos light e unha vida light, descafeinada e anafiláctica, sexa isto último o que sexa. E así nos vai. De mal.

