Saltar ao contido
9:03 h. Quinta feira, 23 de Maio do 2013

Opinión

Francisco Castro

Francisco Castro

Escritor.www.franciscocastro.blogaliza.org
Vota:

Estes ingleses tan contraditorios

Levo anos dicindo que cando me xubile marcharei vivir a Londres. O que pasa é que non van deixar que me xubile, nin que cobre pensión ningunha para rematar os días cunha certa calma, e daquela perdereime a posibilidade de matar as horas da mañá vixiando as obras do Concello ou os seráns botando a partida de brisca no bar. Sei que o neoliberalismo ten para min outros planes: ou que espiche máis ou menos novo ou que traballe ata o derradeiro día coma un Bo Cidadán de Proveito.

Dito isto retomo o discurso para explicar que o de marchar a Londres ten que ver, en boa medida, coa idealización que dende a infancia realicei no meu fantasioso e hiperbólico maxín da cidade na que estoupou o rock nos sesenta, naceu o hippismo do flower power ou practicamente case que todos os movementos contraculturais dende os anos cincuenta do século pasado, incluíndo, claro está, a minisaia.

Xa fun unha morea de veces a Londres. E estiven alí o ano pasado durante os conflitos aqueles tan terribles que encheron de lume e carraxe a cidade alucinada. E sei que volverei cada pouco e sei que volverei, como me pasa tantas veces, enchoupado de ledicia, preñado de ideas novas e convencido de que a cidade do Támesis é, tamén, un dos motores e corazón bombeante das mellores cousas que pasan no mundo.

Mais tamén das peores.

E isto vai polo asunto Assange.

Que demostra o contraditorios que poden chegar a ser estes tipos que, dende sempre, fixeron da tolerancia, bandeira. A historia é o que nós demostra. A perversa Inquisición (españolísimo e catolicísimo invento, por certo) practicamente non actuou nas Illas Británicas e no XVIII, John Locke publicou a Carta sobre a Tolerancia que debería ser de lectura obrigatoria para personaxes de recoñecido e militante autoritarismo tipo Rouco Varela. De sempre, os ingleses optaron por deixar vivir e fixeron da liberdade e o seu exercicio algo máis ca unha palabra.

Mais todo iso desaparece cando lles tocas os asuntos do Estado, é dicir, cando se senten ameazados no máis british. E así, foron quen de impedir que Pinochet, no 2000, fose entregado á xustiza, cando o merecía. E agora queren entregar a Assange (todos sabemos que se lle reclama polo wikiasunto) por mor dunha demanda que ten toda a pinta de ser unha persecución política independentemente de que o señor sexa ou non un santiño.

Contraditorios, si. Moito.

Aínda así seguirei visitándoos durante moitos anos. Creo que a Assange igual lle quedan uns cantos alí.

 

Outros artigos
Outras voces
Publicidad publicidade, ddc, consultores, 300x250 - Inner opinion
Publicidad Banner  Aira das letras 300x250 - Inner Opinion