Coma Kino
Estes días estou gozando coma un tolo coa relectura dese clásico que é "A perla" de Steinbeck (Galaxia), unha obra mestra que, coma todas as grandes creacións artísticas sexan da clase que sexan, é quen de, a pesares de ter sido feita hai unha morea de anos e de estar moi afastada de nós no tempo, transmitirnos unhas cantas verdades arredor da natureza humana.
O libro, en realidade, é só un pretexto para falarlles dos recortes destes gobernos sociópatas que nos baten unha e outra vez nese sitio que, por pudor, non cito pero vostedes xa saben. E disimulen.
O libro está protagonizado por Kino, un indíxena empobrecido (os pobres non existen mentres haxa opulencia solta por aí, mentres haxa xente á quen lle sobra, mentres existan transnacionais espallando a pobreza, é dicir, empobrecendo), que ve como o seu bebé, Coyotito, gravemente envelenado pola picadura dun alacrán, vai morrer pois non ten cartos para pagar o médico e este négase a atender ao cativo pois sabe que non van poder pagarlle e el só cura previo pago. Mais a fortuna fai que dea cunha ostra que acubilla unha perla xigante. E de súpeto é un home sumamente rico. E poderá pagar ao médico e Coyotito sandará. E como fantasiar é de balde, o seu maxín, inevitablemente, comeza a traballar pola súa conta e vanlle agromando nos miolos todo o que mercará con eses cartos que van darlle en canto venda a perla.
E pensa que vai poder casar na igrexa (porque o cura só casa se hai cartos para pagarlle, coma o médico). E pensa que vai poder mercarlle roupa a Juana, a súa dona. E pensa que vai poder ir vivir á cidade.
E pensa...
Mais de súpeto, pensando, decátase Do Máis Importante. E ao decatarse Do Máis Importante xa non pensa en mercar casas, nin alfaias, nin roupas caras. Kino pensa no futuro e di: "O meu fillo saberá ler e abrirá os libros e escribirá, o meu fillo saberá escribir e fará contas, e todas esas cousas farannos libres porque el as saberá. Saberaas e a través del nós tamén o saberemos".
Así que, coma Kino, eu pido educación para os meus fillos, para que teñan un futuro. Que non llo recorten. Que non sexa só para os que atopen unha perla xigante. Ou sexa, que non remate sendo un privilexio de ricos.

