Só hai un BNG
O presidente da Xunta en funcións, Núñez Feijóo, dono e señor dos medios de comunicación públicos galegos e, por submisión dos privados, acaparador dos tempos e espazos da información, insulta ao electorado ao consideralo incapaz de discernir e, así, fala dos tres BNG, os tres benegás (sic), cunha esaxerada frecuencia. Se a primeira vez o dixo como chiste, as outras, e van varias, xa non son unha brincadeira senón un premeditado e insultante intento de confusión, unha mecánica, a da confusión e a mentira, á que está afeito desde que tomou posesión do seu cargo.
BNG só hai un. Os outros dous benegás non existen. Existen dous grupos políticos ou frontes nacidas dunha dorosa escisión que forneceu de carnaza ao lobo famento da dereitona, unha carnaza proporcionada a cotío durante semanas para a lambida e relambida do PP e dos medios de comunicación que só anuncian os males do nacionalismo galego e ignoran os logros e os froitos que tantas décadas nos costou conseguir.
Un dos grupos escindidos, Compromiso por Galicia, fíxoo pola dereita e ten nas súas ringleiras a políticos dunha traxectoria incuestionablemente dereitista como Rafa Cuíña cuxo pai participou nos gobernos de Fraga Iribarne. O outro grupo, Anova, esta claro que non o fixo nin pola esquerda, nin por enriba, nin por debaixo, senón máis ben de esguello, pola beira. Ambas as dúas formacións abandonaron o BNG pouco despois da celebración da asemblea de Amio, e non foi nun só día senón nunha longa hemorraxia, pinga a pinga, que proporcionou ledicia e esfregar de mans aos de sempre, os españolistas herdeiros do franquismo, tan herdeiros do franquismo como que Fraga Iribarne foi o seu exemplo e mestre e a quen, paseniño, os do PP van deixando de añorar porque Feijóo vai superando con creces o seu legado aniquilador da identidade galega.
Anova preséntase agora en coalición con Esquerda Unida, sucursal galega do partido de ámbito español Izquierda Unida, pai ideolóxico de Comisiones Obreras, sindicato español, moi afastado en estratexias e conciencia do noso sindicato, a CIG. Está claro que iso xamais o faría o BNG aínda que se xogase a representación parlamentar. Tamén está claro que con esta coalición con españolistas –termo que cómpre recuperar- esta formación política escindida do BNG sacrifica boa parte da súa ideoloxía nacionalista e reforza o escaso poder en Galiza de EU, un partido político de implantación estatal do que desconfío que estea a prol da nosa autodeterminación.

