Quilmas: predicar e dar trigo pola defensa da terra
Mergullad@s na loita por manter as súas terras a salvo das gadoupas da Xunta de Galiza e da multinacional acuícola Stolt Sea Farm, @s veciñ@s de Quilmas, en Carnota, celebran este domingo a cuarta edición do mercado ecolóxico en que venden a suor do traballo. A cervexa artesá Menduiña, feita no Morrazo e o mel de Carnota serán máis unha vez protagonistas, a carón das hortalizas, as froitas e os legumes colleitadas nas máis de 20 hectáreas ameazadas pola prepotencia económica.
A cooperativa Rainha Lupa, organizadora do mercado, constituíuse en 2008, tras a aprobación do Plan de Acuicultura. A piscifactoría da empresa Stolt Sea Farm colocouse entre unha das praias e o porto natural, ocupando 25mil metros cadrados e sen permiso de verteduras, facéndoo directamente á praia, segundo denunciaron @s veciñ@s. O proxecto de ampliación que Rainha Lupa decidiu frear deixaría a granxa de rodaballo nos 320 mil metros cadrados. Houbo mobilizacións conxuntas de todos os lugares da Costa da Morte --e de toda a costa galega-- que aparecían 'citados' no Plan Acuícola: Cabo Corrubedo, Seigura, Camelle, Merexo... e así até os 24 proxectos contemplados.
Stolt Sea Farm quería pasar de 25mil a 320mil metros cadrados
Veciñas e veciños puxeron en marcha os tractores e deixaron máis de 20 hectáreas preparadas para sementar, impedindo así a ampliación das piscinas. As mesmas terras que dous anos antes, en 2006, foran arrasadas pola vaga de lumes e que levaban sen cultivar desde aquela. Rebelarse 'contra a destrución da terra fértil e a contaminación do mar' --como di o lema do mercado ecolóxico-- é unha mostra de valentía. Mais se un grupo de persoas actúan a prol doutros modos de traballaren e de se asociaren, demostran que é posíbel predicar e dar trigo, queixarse e mostrar as alternativas.
Raínha Lupa amosou que é posíbel asociarse e levar unha vida digna traballando a terra desde o agroecoloxismo
E de alternativas xustamente vai esta xornada: consumo responsábel, (agro)ecoloxismo, protección do medio ambiente, a loita pola soberanía alimentar e as chaves dun desenvolvemento sostíbel estarán riba das mesas dos diferentes colectivos como Adega ou o Sindicato Labrego Galego. Alén da información teórica, haberá tamén unha mostra dos materiais da terra, con artesanía de proximidade, cerámica e cesteiría. Artesás e artesáns que tecen vimbios e xestas, carqueixas e salgueiros, ensinarán ao público asistente a construír os seus propios útiles da natureza.