''Se me dedicase a pintar retratos, sen máis, sentiríame baleira''
"Ti pinta cousas agradábeis, bonitas", bisban no ouvido de Marta Paz as voces acomodadas, as que non queren saber máis nada da nosa historia que a que contan os libros da escola. A que escriben eles. Mais o encargo a ela non a convence. "Son feminista, que lle vou facer?" Esa palabra, que a ignorancia identifica co contrario de machismo, non significa máis --nin menos-- que a idea radical de que as mulleres tamén somos xente e, por tanto, merecemos que se conte a nosa historia.
E iso xustamente é o que fai Marta, contar historias, "series de cadros onde, igual que outros retratan reis e heroes, eu retrato as miñas heroínas". Despois das Bravas en loita, as rebeldes da Primavera árabe, e ao berro de que As históricas somos o máximo, chegan outras facianas doutras heroínas: as que encararon o fascismo.
Nunha exposición de que farán parte até 25 retratos, aínda que de momento ten 10, esta muller, activista feminista e licenciada en Belas Artes presenta as biografías de guerrilleiras que fixeron posíbel na Galiza e no estado dez anos de resistencia fronte a "todo" --"fixéronlles de todo", din os testemuños orais dos cales @s historiador@s botan man para rescatar a memoria soterrada. E nese "todo" caben os insultos, o rapado das cabezas, as pedras, as malleiras, o aceite de rícino, as violacións.
Mais a idea de Marta non foi pintar as silenciadas, as invisíbeis, esas cuxos nomes aparecían sempre a carón dun home, as 'queridas dos rojos', restando importancia á súa resistencia. As históricas somos o máximo é un nome tirado dun xogo de palabras cunha canción da arxentina Liliana Felipe --As histéricas somos o máximo--, que ergue as mulleres do diván de Freud para dar aos estigmas máis unha volta, unha visión positiva, "converter en orgullo os descualificativos".
Na serie, que fai parte do proxecto MáisQuePublicanas --ao igual que Bravas en loita--, sae a cara de historias coñecidas, como a de Victoria Kent, Clara Campoamor, Enriqueta Otero, Maruxa Mallo ou María Casares. Mais tamén outras "máis anónimas" como Carmen Fernández Seguín, condenada a 30 anos de prisión pasou 13 de penal en penal por todo o estado organizando células comunistas e colaborando con Mundo obreiro, publicación do Partido comunista. Da súa actividade non souberon máis que un pequeno grupo de familiares no municipio de Sandiás.
Juana Capdevielle, asasinada no 36 no monte da Gándara, ás aforas de Rábade, impartía conferencias sobre Pedagoxía sexual dous anos antes. "A estas mulleres debémoslles a conquista de dereitos. Daquela falábase xa de cuestións que hoxe nos parecen revolucionarias.
Do que se trata é de non esquecer como se conseguen as cousas, que non saen da nada e non estamos a descubrir a pólvora; e que a historia vai e vén" sinala Marta Paz, colocando a modo de exemplo a loita polo dereito ao aborto e o retroceso literal a unha prohibición anterior a 1985 que prepara o goberno español.
Fronte a esas voces que lle piden que pinte "o agradábel", outras moitas agradécenlle que fuxa dos cadros ornamentais e decorativos e que lles imprima forza. Que teñan algo que dicir. "Se me dedicase a pintar retratos, sen máis, sentiríame baleira. Prefiro dicir as cousas sen maquillaxe, como son". MáisQuePublicanas é un proxecto colectivo que puxo en marcha as activistas de Nomepisesofreghao.
"Eu son... a que pinta!", conta entre risas Marta, subliñando que todas puxeron un grao de area, axudando nomeadamente nas tarefas de documentación, pois cada retrato vai acompañado dunha biografía.
Así, dunha foto en branco e negro "e de resolución malísima", ela conseguiu que os cadros --que penduran das paredes da Galería Arte Imagen da Coruña-- están cargados de cor. "Non son planos. A partir dunha foto fago unha composición. Quero que conten algo, que a pintura sexa máis unha ferramenta de comunicación".
A exposición bota o feche esta semana, cun acto de clausura en que tomarán a palabra a autora, Marta Paz, e Lola Ferreiro, coordinadora do grupo Lúa crecente de estudos de saúde desde a perspectiva do xénero, que traballa nun libro sobre dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres na II República.