Saltar ao contido
21:15 h. Domingo, 20 de Abril do 2014

Vota:

O Goberno español sinala que o informe ambiental da Xunta sobre Ence será "determinante"

Co anteproxecto da Lei de Costas na man, a pasteira podería ficar na ría de Pontevedra até 2093 de contar cun informe favorábel da consellaría de Medio Ambiente. O seu titular, Agustín Hernández, deu a entender en máis dunha ocasión, coa súa actuación no Parlamento, a súa complicidade coa empresa
Redacción


O secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos de Armas, deixou no tellado da Xunta a pelota quente sobre a continuidade de Ence na ría de Pontevedra máis aló de 2017, cando lle expira o permiso.

O anteproxecto da Lei de Costas aprobado polo Goberno español abre as portas de par en par para que a pasteira siga na mesma ubicación onde se instalou en 1957 por 75 anos máis, até 2093. O único que lle cumprirá será un informe positivo da consellaría de Medio Ambiente, cuxa importancia, segundo Ramos de Armas, será "determinante" na decisión final que tomará finalmente o Goberno español.

Malia manifestar a súa disposición a colaborar coa Xunta "todo o que sexa necesario" para solventar a problemática relativa á nova ubicación da fábrica, Ramos de Armas recalcou que o ministerio de Medio Ambiente "non é o competente" para decidir o translado da pasteira nin "de ningún tipo de industria", senón que tal cometido corresponde aos gobernos dos territorios "outorgando títulos concesionais".

Complicidade da Xunta con Ence

Así as cousas, o texto redactado en Madrid expón que os terreos que estiveren dedicados "á industria enerxética, química, petroquímica, téxtil e papeleira" poderán prorrogar a súa concesión --en 75 anos, como as vivendas ubicadas nos espazos da Lei de Costas-- "previo informe favorábel" do órgano ambiental da comunidade correspondente. No caso de Ence, a equipa técnica do departamento que dirixe Agustín Hernández deberá determinar cales son os efectos da actividade industrial sobre a contorna, e remarcar "as condicións que debe contemplar a concesión para garantir a adecuada protección do medio ambiente".

A colaboración da Xunta do PP para manter a pasteira na ría non é descartábel, pois o propio Hernández esquivou no Parlamento as preguntas da oposición a respecto da sentenza ditada en xullo de 2012 polo Tribunal Supremo, en virtude da cal o acordo de 2003 con Ence debera ficar anulado. A teor deste pacto foi aprobado o Proxecto Sectorial da pasteira, así como as autorizacións ambientais integrais para consolidar a fábrica na ría de Pontevedra, mais o titular de Medio Ambiente non quixo comprometerse no Pleno do Parlamento a que a Xunta de Galiza faga efectiva a resolución, pese a que o BNG pediu a publicación no DOG da orde do Goberno galego para executar o ditame do Supremo.