EU estreita a 'fronte ampla' e deixa fóra Compromiso por Galicia
Finalmente quedaron fóra. Após unha semana de debates, discrepancias desde as asembleias de base que advertían de que deixarían a formación de concorrer aos comicios con "forzas alleas" ao país, Compromiso por Galicia non formará parte desa coalición electoral que integrará a Esquerda Unida e Anova baixo as siglas Alternativa Galega e que Yolanda Díaz deu en chamar Syriza. En conversa con este diario, Xoán Bascuas, líder de CxG, explicou que "nunca existiron negociacións porque nunca tivemos a oportunidade dun contacto directo con EU", e confirmou que o 21 de outubro "a cidadanía galega poderá votar por unha forza política onde as decisións si que se toman na Galiza".
Así as cousas, as dúas formacións de referencia, a de Díaz e a de Xosé Manuel Beiras, rexistraron a súa alianza cando a area xa se lle acababa ao reloxo, mais ambas decidiron non pechar a porta a outras adhesións "de apoio", nomeadamente Equo e Partido Humanista, tal e como informou César Santiso, responsábel de comunicación de EU, unha man que agora se lle ofrece tamén a CxG. "A proposta que nos presentaron a última hora era a dunha coalición bilateral para que nos sumaramos como apoio, e coa advertencia de que calquera das partes podería vetar novas adhesións", explicou Bascuas.
Namentres, desde EU, Xabier Ron adiantara xa en declaracións a unha axencia de noticias que traballaban con Anova "de forma seria" na liña "dunha esquerda que quere mudar o sistema", e considerou que entre as filas de Compromiso "non existe" esa vontade transformadora que Ron lle atribúe á xa constituída como Alternativa Galega. Bascuas defendeuse, sinalando que a súa proposta política foi xulgada antes de a coñeceren, e recrimina a confluencia do líder do Encontro irmandiño e Anova, Xosé Manuel Beiras nesa alianza: "dixo que vetaría as organización que vetasen, e agora amparn un veto. O epílogo político é unha emenda á totalidade da súa biografía".
Ao fío, Martiño Noriega, alcalde de Teo e integrante da coordinadora de Anova, sinalou hai dous días a este xornal que "nós non excluímos ningunha organización, son elas as que queren quedar fóra", e explicou que "a vocación do acordo non é vivirmos na mesma casa, senón camiñarmos xuntos". A viraxe desde o veto a un pacto con EU até retomaren o debate e dar o paso adiante para concorreren na 'fronte ampla' foi a folla de ruta seguida por Compromiso. Por derradeiro, Bascuas confirmou que o 21-O a forza política integrada por Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista concorrerán ás urnas baixo o paraugas de CxG. Ao lle preguntar pola posibilidade de que esta última forza puidese abandonar a coalición, ao ser a máis próxima ao pacto con Alternativa galega, o líder de CxG móstrase taxativo e di que irán todos xuntos: "a min non me consta outra cousa".