Saltar ao contido
16:21 h. Cuarta feira, 23 de Abril do 2014

Vota:
Conde Roa con Feijóo [flickr PPdG]
Conde Roa con Feijóo [flickr PPdG]

Cargos que pesan sobre Conde Roa: prevaricación, tráfico de influencias e suborno

A titular do xulgado de instrución nº1 de Lugo, Pilar de Lara, ouviu durante unhas nove horas o seu testemuño en relación a delitos cometidos entre xuño de 2011 e abril de 2012, cando era alcalde de Santiago. O ex rexedor ficou en liberdade con cargos
Redacción

 
O ex alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, abandonou o xulgado de instrución nº1 de Lugo imputado polos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e suborno. A xuíza Pilar de Lara decretou a súa posta en liberdade con cargos esta segunda feira, após tomarlle declaración durante por volta de nove horas. A súa saída dos xulgados, o conservador, aínda militante do PP, non quixo facer declaracións a respecto da súa situación. Unicamente dixo estar "satisfeito" e reiterou que é "completamente inocente". 

"Tranquilo e satisfeito" mostrouse tamén o ex concelleiro compostelán de Seguranza cidadá, Albino Vázquez Aldrey, quen xa prestara declaración e atópase en liberdade baixo fianza, polo que entendeu esta nova citación como "a segunda parte" do testemuño que prestara no momento de ser detido, a mediados de febreiro.  

Ambos están imputados na segunda fase da operación Pokemon, bautizada como operación Manga. Vázquez Aldrey abandonou a súa acta de concelleiro presionado pola súa condición de imputado nunha investigación contra a corrupción. Respecto de Conde Roa, a orde de citación chegoulle ao conservador unha semana despois de que axentes do Servizo de vixilancia aduaneira practicasen no seu domicilio, no casco vello da capital galega, un rexistro en que se incautaron de varias caixas con documentación.

Cómpre recordar que o ex rexedor demitiu do seu cargo tras ser imputado nun delito de fraude fiscal que fica aínda pendente de xuízo. Desta volta, a súa comparecencia perante Pilar de Lara estaría relacionada coa súa imputación por prevaricación e tráfico de influencias, malia que o avogado da defensa di descoñecer a causa da citación xudicial.

O 14 de febreiro, o mesmo día en que os axentes de Vixilancia Aduaneira rexistraron durante catro horas a vivenda de Conde Roa, foi detido o seu asesor Ángel Espadas, o delegado de Aquagest en Santiago, un promotor cultural e o concelleiro de Seguranza cidadá Albino Vázquez Aldrey. Os dous últimos quedaron en liberdade con cargos e o edil renunciou á súa acta após pagar a fianza que lle impuxo a xuiza instrutora.

O alcalde do Carballiño declara na sexta feira

Na sexta feira, tamén ás 10 da mañá, Pilar de Lara tomaralle declaración a Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño (PP), imputado polos delitos de tráfico de influencias e revelación de secretos no marco da operación Pokemon.

O rexedor carballiñés descartou demitir e atribuiu a súa implicación nesta operación contra a corrupción a "unha vendetta de Vendex", única empresa que concorría á adxudicación do servizo da ORA nun concurso posto en marcha polo goberno de Carlos Montes (PSOE) e que Marnotes decidiu paralizar en cumprimento dunha promesa electoral.