Saltar ao contido
9:29 h. Quinta feira, 20 de Xuño do 2013

Vota:

Pechehistoria proclama a independencia da Facultade respecto a USC

A Asemblea de Estudantes de Pechehistoria "procederemos a proclamar a independencia da Facultade de Xeografía e Historia recuperandoa para o estudantado", decisión que adoptan "cansas do trato que estamos recibindo por parte da Universidade de Santiago de Compostela"

 

Sermosgaliza
Lectura da declaración de independencia
Lectura da declaración de independencia

Levan semanas de mobilizacións e accións, como a que dá nome ao colectivo, para reivindicar "unha outra universidade posíbel". E veñen de decidir proclamar a independencia da Facultade de Xeografía e Historia nun xesto co que queren denunciar que "xa non se garanten dereitos fundamentais" para o estudantado. A seguires, a declaración que aprobaron en asemblea

Declaración de Independencia

Nós, as estudantes do #pechehistoria, reunidas en asemblea, aprobamos romper os violentos vínculos que nos ligaban á Universidade de Santiago de Compostela, ao non querer ésta garantirnos os dereitos fundamentais que tanto custou conseguir.

Así pois, nós, defradadas polo presente e preocupadas polo futuro, queremos dar a coñecer o noso desacordo coas actuacións e coa pasividade coa que a USC está actuando,polo seguinte:

1. A Universidade non é quen de ofrecer ao seu estudantado un aula de estudo en horario continuo durante a época de exames, dando lugar á vergoñenta situación cotiáde térmonos que pelexar coas nosas compañeiras por conseguir un sitio na biblioteca e obrigándonos deste xeito a ocupar a Facultade de Xeografía e Historia co fin ter un lugar onde poder preparar as nosas materias.

2. O virulento Real Decreto Ley 14/2012 estabelece o aumento das esixencias non económicas, facendo destas unha recompensa e non un mecanismo que asegure a igualdade de oportunidades. Así mesmo, impulsa unha desmesurada suba das taxas dando forma ao paulatino desmantelamento da universidade pública; desmantelamento ao que contribúen a equipa de goberno e o profesorado da USC co seu silencio e coa súa hipócrita complicidade.

Por todo o devandito, e ante unha USC que ataca ao seu propio estudantado, nós, como medida de supervivencia, constituímonos pola presente, como universidade independente da USC, agardando que a nosa loita sexa semente dunha universidade xusta, pública, democrática, galega, de calidade e popular, que por suposto garanta a formación íntegra das clases populares.

Asi mesmo, tendémoslle a man ás compañeiras da USC, animándoas a sumarse a nós e lembrándolles que ningún estudante é débil, pois forma parte de unha familia de 30000 irmás que padecen as mesmas miserias, albergan os mesmos sentimentos, teñen o mesmo inimigo e soñan todas un mesmo mellor destino.