Saltar ao contido
22:56 h. Terza feira, 18 de Xuño do 2013

Vota:

Xosé Manuel Beiras: “Hai que inverter os procesos que están a levar a Galiza á ruína"

Xosé Manuel Beiras Torrado retorna aos 76 anos á primeira liña política. Faino a cabalo da Alternativa Galega de Esquerda, a coalición entre Anova --formación que lidera-- e máis Esquerda Unida. Conta co apoio de grupos minoritarios como Espazo Ecosocialista ou Equo.
A.E.
Xosé Manuel Beiras, candidato de AGE
Xosé Manuel Beiras, candidato de AGE


No programa aseguran que a primeira acción sería "apartar o PP do goberno" e "unir todas as forzas posíbeis". Non descartan ningún acordo caso de chegaren ao Parlamento o 21-O?

Pois si, só descartamos acordos co PP, trátase de apartalos do goberno, e para iso, como estamos nunha democracia parlamentaria, aínda que se pretenda camuflar como unhas eleccións presidenciais doutro tipo, o importante é unir as forzas para impedir que o PP siga gobernando. Iso é o prioritario.

Que modelo de relación co estado defenderían desde o Pazo do Hórreo?

O goberno galego ten que deixar de ser esa especie de goberno de “deputación rexional” en que teñen convertida a autonomía galega e presentar cara dignamente aos ditados do goberno central e á submisión ao fascismo rampante do PP.

Defenden a reversión pública das concesións privadas. Non soa sinxelo...

Non claro, non é sinxelo, estamos nunha situación grave e de emerxencia nacional. Precisamos políticas decididas, arriscadas. Fan falla tempo e vontade política de facelo. Frear as novas concesións, cambios lexislativos, políticas claras e sostidas... Cando nós dicimos Hai que paralos! un dos sentidos que ten esa frase, que é algo máis que un slogan, hai que inverter os procesos que están a levar Galiza á ruína.

En materia de autogoberno cal é a proposta de AGE. Soberanía ou maiores competencias?

Non creo que sexa unha dicotomía, hai que exercer a fondo as competencias, as que quedan tras a cesión sistemática que se ven facendo delas polos sucesivos gobernos, reclamar as que se foron, e ao tempo utilizar a cámara e o goberno galego como caixa de resonancia e impulso das aspiracións de soberanía para ser exercida polo pobo galego. A batalla está fóra, na sociedade civil, o pobo ten que ser o protagonista... Como está a acontecer por exemplo en Catalunya, a cidadanía vai por diante das institucións, non ao revés.

Demandan o "Control democrático da política monetaria". É de alcance estatal, que medidas poderían adoptar desde o marco autonómico?

Desgraciadamente esas políticas -coa venda de soberanía mesmo a “española” que levan facendo os “vendepatrias” dos gobernos centrais, a monetaria, a económica e agora vén a fiscal- hoxe están moi lonxe, nin sequera as estatais. As cousas hai que contemplalas coa perspectiva de estarmos nunha fin de ciclo político, a fin da segunda restauración borbónica saída do franquismo e de que precisamos unha creba democrática cara a novas fórmulas de estruturación dun estado plurinacional e dunha Europa do pobos. Esta “guerra” é impensábel sen unha gran solidariedade internacional, no estado, na Europa e no mundo. Estamos ante tempos novos.