Saltar ao contido
10:11 h. Cuarta feira, 19 de Xuño do 2013

Vota:

“A Garda Civil dinos que non denunciemos a Mario Conde”

A familia de A.D.C., o rapaz de 14 anos agredido onte por Mario Conde no Barco á saída do mitin, desestimou facer a denuncia por medo ás represalias.
Vítor Nieves
A.D.C., agredido por Conde, diante do cuartel da Garda Civil do Barco
A.D.C., agredido por Conde, diante do cuartel da Garda Civil do Barco

 

A.D.C., natural do Barco, asegurou antes de entrar ao cuartel que “estamos dispostos a demandar a ese señor, pois temos moitas testemuñas”. Ademais das agresións, o obxecto da denuncia estaría motivada tamén porque o mozo asegura que Conde lle chamou “negro, xusto antes de que me agarrara polo pescozo”

Porén, finalmente non houbo denuncia. Desde a familia explicaron que “saímos sen denunciar, pois no cuartel dixéronnos que non nos meteramos en barullos e que levabamos as de perder”. Asemade, aseguran ter medo “pois un axente da benemérita é amigo de Mario Conde e onte estaba presente cando aconteceu a agresión, de feito, foi o que separou ao neno de Conde”

No cuartel da Garda Civil do Barco desmenten estas declaracións e aseguran que non tramitaron a denuncia porque “ninguén dos que acudía viña identificado”. Pero aproveitaron para recriminar a quen asina esta información para que borrase as fotos sacadas diante do cuartel ademais de o obrigar a se identificar.

Sen resposta desde o partido de Conde

Sermos Galiza contactou con Francisco Tarrío, cabeza de lista por A Coruña e Xefe de Candidaturas de Sociedad Civil y Democracia --o partido que preside Mario Conde, para consultalo a cerca dos altercados ao remate do mitin do Barco. Tarrío respondeu que “nin sabía que houbera mitin no Barco, este partido está moi desorganizado”.

A desorganización é patente, pois ningún cargo orgánico de Sociedad Civil y Democracia foi quen de facer declaracións a respecto da polémica que fixo pública este xornal. A coordinadora de campaña, María Jamardo, ao ser consultada, asegura nun primeiro momento que “a xente do partido tratou de falar co rapaz, pois estaba insultando a Mario Conde”, mais tras varias preguntas remata por asegurar que “todo é rotundamente falso e á saída do mitin do Barco non pasou nada do que publica Sermos Galiza”.