Saltar ao contido
17:47 h. Sábado, 18 de Maio do 2013

Vota:

Mobilización contra a exclusión da frota galega de Mauritania

O acordo da UE implica a expulsión dos buques da Galiza que levaban anos traballando nese caladoiro
redacción
Concentración anterior na defensa da flota galega
Concentración anterior na defensa da flota galega

A Alameda de Marín foi o escenario elixido para mostrar o rexeitamento ao convenio da UE que implicará a expulsión de máis dunha vintena de buques galegos (boa parte deles con porto base nesta vila pontevedresa) do caladoiro de Mauritania. Unha decisión con consecuencias que a ningunha das persoas concentradas se lles escapaban: despezamento de barcos e perda de 400 postos de traballo directos e uns 2.000 indirectos.

Sindicatos como a CIG veñen denunciando que a expulsión da frota galega de Mauritania non se xustifica por causas de sobreexplotación de recursos. De feito, máis de 200 buques doutros países seguirán a faenar alí e en torno a un  terzo deles son de estados membros da Unión Europea, máis ningún da Galiza. E Bruxelas pagará anualmente 113 millóns de euros ao goberno mauritano como contrapartida.

A concentración contaba co aopio de diferentes partidos e sindicatos. O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a eurodeputada nacionalista Ana Miranda estiveron presentes nela. Para Vázquez, o acordo da UE foi unha  decisión "que evidenciou a submisión do goberno de Feijóo e de Rajoy perante a UE, pois non foron quen de reaxir a tempo e defender os intereses da nosa frota”.

O portavoz comprometeu o apoio do BNG a este colectivo e puxo como exemplo a recente visita do sector á comisaria europea, xunto á eurodeputada nacionalista Ana Miranda, para defender un trato xusto para a pesca galega.

Como lembraban os nacionalistas, nunha moción presentada en Marín na defensa da frota cefalopodeira en Mauritania, a Galiza é o país da Unión Europea que perdeu máis capacidade pesqueira desde o ingreso neste organismo no ano 1986. Nos últimos tres anos, 200 buques galegos foron despezados e perdéronse 1.600 postos de traballo directos no mar, que hai que multiplicar polos postos de traballo que en consecuencia se perderon en terra