Saltar ao contido
15:21 h. Cuarta feira, 16 de Abril do 2014

Vota:

Silvia Penas gaña a primeira edición do Lueiro Rey de poesía

A poeta Silvia Penas vén de resultar gañadora da primeira edición do premio Lueiro Rey de poesía, convocado pola Asociación de Veciños O cruceiro da Laxe, o concello de Fornelos de Montes e a editorial Sotelo Blanco.
Redacción

Despois dunha longa deliberación, o xurado da primeira edición do premio Manuel Lueiro Rey de Poesía decidiu darlle o galardón á poeta Silvia Penas por “considerar que propón un discurso de fondo cuestionamento do eu lírico radicado nunha coordenada espazo-temporal ben próxima e identificable”. Destacan igualmente que nese contexto a “función social da escrita e as vivencias e pulsións sentimentais da voz poética se complementan acaídamente”. Composto por José Luís Cochón Troitiño, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Carme Carreiro -con voz e sen voto- o xurado valorou que se teñan presentado trinta e oito orixinais de moi alta calidade.

Con anterioridade, Silvia Penas resultou gañadora do Premo de Poesía da Universidade de Vigo en 2005 co poema “Neste bosque” e do Certame Galego de Creadores Novos Gzcrea con “A tiranía do nes”. Con Elvira Riveiro, as dúas petencentes ás Redes Escarlata, escribiu “Biografía da multitude”, Premio de Poesía Victoriano Taibo en 2009.

O escritor Lueiro Rey conta así con dous premios literarios asociados ao seu nome, o de novela curta do Concello do Grove do que se fallou a súa XIX edición e o primeiro de edición de poesía queu vén de dar a coñecer o resultado desde Fornelos de Montes. Ambos concellos están vencellados á biografía do escritor que naceu en Fornelos de Montes e pasou os seus últimos anos no Grove.