Saltar ao contido
1:49 h. Sexta feira, 25 de Abril do 2014

Vota:

Máis de 120 barcos traen ao Freixo a cultura marítima tradicional europea

O XI Encontro de Embarcacións Tradicionais, que decorrerá do 11 ao 14 deste mes de xullo, reunirá barcos, cultura, historia, festa e unha manchea de actividades no Freixo. Un pequeno porto de Outes onde chegou haber 40 estaleiros

X.M.P

O Freixo. Un lugar onde levan máis de 200 anos a construír barcos. Chegou a ter máis de 40 estaleiros nos seus 14 quilómetros de costa. No Freixo (Outes), aínda hoxe seguen a facer barcos, aínda que fiquen xa só 3 estaleiros.

Pois O Freixo (Outes) acolle do 11 ao 14 deste mes o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais, un evento que cumpre este ano 20 anos de existencia. E xa está todo listo para gozar nese porto do marabilloso mundo da embarcación tradicional (e, tamén, a festa e da cultura)

Unha cita imprescindíbel

Xa máis de 120 embarcacións están anotadas para asistir a esta cita que organiza cada dous anos a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. De diferente envergadura, tipoloxía, fasquía e procedencia. DE todos os portos de Galiza, si. Mais tamén de Portugal, de Euskal Herria, de Francia... galeóns, bucetas, dornas, xeiteiras,...

Mais non só no mar, senón tamén en terra, haberá actividades. Exposicións, artesanía, conferencias, obradoiros, coloquios, actuacións, cantos de taberna, teatro... Todo o preciso para gozar, vai un só, en cuadrilla de amigos, en parella ou en familia.

Poderá un gozar da música de Sés, Terbutalina, Wayfarers, Os Cempés ou Son de Seu. Ao tempo que pasea polo porto e admira os vellos galeóns da Ría restaurados.