Saltar ao contido
7:59 h. Cuarta feira, 23 de Xullo do 2014

Vota:
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín

Ferrín recibe apoios desde o mundo literario

A figura de Xosé Luís Méndez Ferrín exerceu sempre grande influencia no mundo da literatura, en especial, no ámbito poético. Son agora os poetas os que saen ao ámbito público para defendelo despois da demisión da Academia. Falan de "cainismo" e sosteñen que se deu unha “conxura” contra o autor de Con pólvora e magnolias.
C.V.

Unha entrada no seu blogue rulou a través da rede transmitindo a opinión de Xabier Cordal sobre o episodio que leva a Ferrín fóra da Academia. Cordal defende a xestión do seu paso por Tabernas que define cos termos de actualización e compromiso. “A actualización da RAG á altura da era dixital, o ingreso de nomes clave da literatura galega contemporánea, a homenaxe a figuras que representan o talento e a insubmisión coma Lois Pereiro ou Roberto Vidal Bolaño, o compromiso co idioma no que se envorcou a sede de Tabernas, enfrontada nos tribunais coa Xunta de Galicia mentres conseguía máis presenza pública e máis recursos: é todo iso o que vemos desaparecer” defende.

Grupo de asalto

Cordal é contundente ao falar dun “grupo de asalto” ao que responsabiliza de que Ferrín marche da Academia. “O grupo de asalto contra o equipo actual da RAG -porque non só foi a Presidencia que remata hoxe a artífice dunha época- pode mandar en bandexa de prata, a quen corresponda, a cabeza de quen considerou o inimigo a bater. Pero Méndez Ferrín, como afirmou hoxe Manuel Bragado, é un diamante moral; esperamos que non sexan tan torpes como para crerse capaces de luxar nin apenas o máis cativo episodio dun percorrido que engrandecería calquera país e calquera idioma” .

A conxura dos necios

A Cordal dálle palmas na rede Anton Dobao quen, en dúas entradas de facebook deixa clara a súa posición no acontecido na RAG. A primeira cita non é propia. Bota man de Johnathan Swift para afirmar canda el: "Cando no mundo aparece un verdadeiro xenio, identifícase por un sinal: todos os necios se conxuran contra el".

A seguir, a metáfora da caza e escopetas non deixa lugar a dúbidas. “A peza de caza xa foi cobrada. Agora limpan as escopetas. Era maior a peza, pero non a única. A caza continúa. Gardádevos dos engados” sinala Dobao.

No seu blogue “As crebas”, Miro Villar pendura a carta de demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín e en só unha frase deixa ver o conflicto interno de Tabernas. “Máis unha vez, outra vítima do cainismo na sociedade da Nación Galega” sinala.

Oportuno e valente recurso

“Melancolía e profunda tristeza” lle provocou a Manuel Bragado, director de Xerais, a demisión dun escritor co que está unido non só con vínculos editoriais senón tamén afectivos. Manuel Bragado valora en varios aspectos a xestión do escritor diante da Academia mais, no seu artigo de defensa no seu blogue Brétemas, sinala de maneira especial un dos temas que saltou a primeiro plano da polemica.“Non se pode esquecer que foi a oportunísima e valente presentación do recurso da Academia contra o Decreto de Plurilingüismo a clave deste periodo no que a entidade intensificou tamén a súa presenza na sociedade galega coma nunca até agora o fixer”.

“Lembraremos sempre a Ferrín como o home que fixo ao pobo galego sentirse parte da Academia. Quen puxo a Acedemia, indiscutibelmente, ao servizo do pobo galego” escribe en Sermos Galiza o escritor Xosé Henrique Rivadulla Corcón. ·”O meu corazón está encollido” engade para preguntarse se “a Academia seguirá sendo a casa de todo o pobo galego, ou volverán ás tebras de tempos pasados”.