Saltar ao contido
14:17 h. Quinta feira, 24 de Xullo do 2014

Vota:

"Con 'O Heroe' falo da corrupción no poder e a manipulación dos medios de comunicación"

O segundo volume de O Heroe, derradeira obra de David Rubín, vén de situarse entre os finalistas á  mellor novela gráfica do ano no Saló do cómic de Barcelona. Tras gañar o segundo premio no certame das librarías especializadas do estado na mesma categoría, a mitoloxía grega volve estar de actualidade de man do artista ourensán.

María Abelleira
David Rubín [Imaxe: SG]
David Rubín [Imaxe: SG]


Editada por Astiberri, a historia reescribe o mito das doce probas de Heracles, introducindo o imaxinario moderno dos cómics de superheroes. Intensamente colorista en contraste coa súa temática distópica, a palabra e o trazo de David Rubín profundan na vulnerabilidade humana nesa loita contra o tirano.  

O argumento de O Heroe bebe do mito de Heracles, fillo do deus Zeus e a mortal Alcmena. Por que esta volta á mitoloxía grega?

Parecíame o mellor vehículo para falar de asuntos que están de plena actualidade, como a corrupción no poder e a manipulación dos medios de comunicación. Volver a esencia das cousas, con un mito tan coñecido coma as doce probas de Heracles e usalo como medio condutor para falar de outros temas de agora, fai que estes asuntos collan inda maior repercusión e cadencia.  

Para o protagonista rescata a fórmula do superheroe. Esta mistura de xéneros e homenaxes fan a súa obra inevitabelmente posmoderna?

Non o fago con esa intención. Pola miña banda, misturei a mitoloxía clásica coa dos superheroes, porque esta non deixa de ser unha versión moderna dos antigos mitos gregos. Aliás, quería falar dunha serie de aspectos propios deste medio. É dicir, como vexo eu diferentes xéneros dentro do cómic. Así, construín un paralelismo entre os dous universos para contar unha historia antiga mediante un ensaio divertido sobre asuntos máis modernos. Con todo, dende o punto de vista da mistura de xéneros, das homenaxes e acenos a estilos do pasado, si que se podería concibir como unha obra postmoderna.

Nunha entrevista, afirmou que a sociedade actual precisaba dun superhome para paliar seus problema.

Hai que partir da base de que os superheroes son seres de ficción [ri] No entanto, con O Heroe, eu tentaba concienciar a xente de que cada un de nós leva dentro un superheroe capaz de se opor ao tirano. A idea central da obra é que todos somos heroes pero, ao mesmo tempo, seres humanos coas nosas eivas e debilidades. Por iso, a obra apela á unión dos homes para derrocarmos os de arriba.

Había, logo, unha intención de arengar @s lector@s contra a opresión?

O heroe é unha arma de destrución masiva contra a estupidez e a mediocridade do poder. Esta pretendía ser a mensaxe. Hai temas de interese xeral dos que hai que falar, alén dos telexornais, tamén na cultura. Toda creación artística ten que ter unha vinculación co tempo e coa sociedade á que pertence. O cómic, como canle máis de comunicación, debe facer reflexionar sobre certos aspectos de contemporaneidade. A ficción, moitas veces, pode dar unha visión máis axustada á realidade que as propias noticias. Isto sempre foi así. Xa nos anos 50, as películas onde de verdade falaban sobre temas sociais e de denuncia eran as de ciencia-ficción xustamente porque, con eses elementos estrambóticos, era moito máis fácil burlar á censura. Eu, co meu Heracles, só sigo esta corrente que leva décadas en voga.  

Este é o seu proxecto máis ambicioso en volume de páxinas e tempo invertido. É unha evolución lóxica para o artista?

Penso que o bo que ten a  novela gráfica é que non ten un límite nin de formato, nin de temática, nin de páxinas. Ti podes facer a obra que a ti che apeteza, porque é a obra a que importa. Hai quince anos ningún editor me publicaría un proxecto deste calibre. As miñas 600 páxinas, necesarias para a historia que quería contar, serían desbotadas porque o mercado estaba coaccionado polo formato. En contraste, hoxe en día o autor conta con outra liberdade. Tamén o lector demanda este tipo de obras, para non ten que estar seguindo unha serie durante anos para coñecer a historia ao completo. 
 
Como está o sector da banda deseñada na Galiza?

Vai ben, mais hai dúas vertentes. Por unha banda, está a creativa e a autoral que conta con mellor saúde cá nunca, tanto polo número de autores galegos en activo, polo de editoriais publicando cómics, como pola multiplicidade de títulos galegos nas librarías. Porén, doutra banda está a vertente industrial, eido no que inda queda moito camiño por andar. Dende logo, o sector está mellor que hai anos e nunca se viviu un auxe tal. Canto á creación xa podemos mirar aos ollos, sen prexuízo ningún, a calquera outro lugar do mundo. A día de hoxe, coa banda deseñada, Galiza está máis representada internacionalmente que con outros sectores como o cinema.

Nunha entrevista con Sermos Galiza, Miguel Anxo Prado afirmaba que a variedade estilística e temática facían do cómic galego o máis rico do estado.

Non sei se de todo o estado, porque en todas partes hai autores bos e se fai bo cómic. O que si é certo é que unha das mellores armas que temos na BD galega é esta variedade estilística e temática que abordamos os diferentes autores. Deste modo, conseguimos chegar a todo tipo de público xa que practicamente cobrimos todo o espectro xenérico. Poucas editoriais debe haber nas que non estea publicando algún galego, tanto nas especializadas como nas xeralistas. Estas, nos últimos anos, comezaron a editar banda deseñada polo auxe que está a atravesar o medio e, no caso da Galiza, podemos citar a Galaxia. 

A obra foi editada pola firma vasca Astiberri. Para cando unha edición en galego?

Para cando algún editor galego se interese en chamarme para publicar algo meu, eu estarei encantado. De feito, hai dous anos publiquei unha banda deseñada chamada  Uxío Novoneyra, a voz herdada, con guión de Quique Benlloch, pero que caeu no descoñecemento porque non a puxeron á venda. Cunha tiraxe de 5.000 exemplares que fixo a Xunta de Galicia para regalar, tiña de estar en todas as feiras do libro, todas as bibliotecas e todos os centros escolares da Galiza e, porén, sei de moitos moitos sitios que non a teñen. É unha mágoa porque a min non me importaría nada publicar en galego. De feito, todas as miñas obras están libres para a tradución en galego. Se non se fixo polo de agora, non é cousa miña, será cousa dos editores que non lles debe interesar.

Tivo oportunidade de iniciarse no eido da animación de mans da desaparecida Dryga. Como foi esta experiencia?

Foron bos anos e aprendín moito, xa que o cómic e a animación son dous medios que se retroalimentan de forma moi natural. Con todo, malia que estiven moitos anos traballando nese sector, a día de hoxe, prefiro o eido do cómic porque é menos estresante e carrexa máis alegrías, inda que se gañe menos. Por desgraza, a crise do sector da animación é normal.

Se na época das vacas gordas se orientaron os proxectos cara ás subvencións e non cara á súa rendibilidade económica estaba claro que, cando fallase o diñeiro público, non ía haber outra forma de financiamento. Os recortes están a frear iniciativas moi boas e moitos tiveron de emigrar pero, por outro lado, xurdirán cousas novas, sendo que teremos que reinventarnos todos. Chorando non arranxaremos nada.