Saltar ao contido
19:43 h. Cuarta feira, 23 de Abril do 2014

Vota:
Consello Nacional BNG
Consello Nacional BNG

O Consello Nacional do BNG chama a unha participación masiva na marcha do 15-S

A cidadanía ten que reaxir e tomar o futuro nas súas mans diante dun PP que está a levar o país ao “abismo económico e social”. Con esta idea o BNG chama a unha participación masiva na manifestación convocada para o próximo 15 de setembro que constituíu un dos eixos básicos da xuntanza do primeiro Consello Nacional. 

Redacción

O BNG ten a mirada posta no 15 de setembro, na manifestación que marcará o inicio do curso político para a organización nacionalista. Constituíu, por iso, un dos eixos centrais da primeira xuntanza do Consello Nacional despois do verán. O voceiro nacional, Xavier Vence mostrouse convencido da necesidade dunha “resposta contundente” perante o que chamou “situación límite de colapso económico á que hai que poñer freo”  Convidou Vence a cidadanía a se manifestar o 15 de setembro en contra das políticas do PP na Xunta e no goberno central que, ao seu ver, están a conducir a un maior empobrecemento e á perda do tecido produtivo sen, pola contra, ningún proxecto de recuperación económica. 

“Cada vez hai máis xente con problemas para chegar a fin de mes, máis familias que quedan sen o seu fogar e nenos que van aos colexios mal alimentados”, sinalou, unha situación que para a formación nacionalista “non se pode aturar máis”. 

“Non podemos tolerar que o PP destroce as conquistas sociais”, dixo un Vence que confía en que a  manifestación do 15 de setembro mostre a oposición social a un estado de cousas que está a levar ao “abismo económico e social” con maiores desigualdades e recortes sociais. 

O futuro nas nosas mans

Mais a manifestación convocada pola organización nacionalista quere tamén, como aprobou o seu CN, servir para unha “necesaria recuperación e saneamento da democracia do país” fronte fronte ao que definiu como a corrupción do partido no goberno “que manexa sobresoldos en sobres e está entregado aos intereses das grandes empresas e lobbies”. Xavier Vence defendeu que é tempo da “cidadanía a tomar as rendas nas súas mans e reivindicar un novo futuro para a economía produtiva, emprego para as nosas xeracións e tamén para as das nosos fillos”. 

Contra o espolio do sistema financeiro 

Dirixiuse a Feijóo para esixirlle que se poña á fronte da sociedade galega para “impedir o espolio do sistema financeiro galego”. O BNG rexistrou no Parlamento dúas iniciativas e quere convidar a todas as forzas política a sumar forzas co fin de defender un sistema financeiro propio. “Non podemos aceptar a entrega regalada de NGB á banca española ou a fondos internacionais”, dixo Vence, ao defender a necesaria preservación do carácter galego de NG

O BNG está a ter encontros con forzas nacionalistas co obxectivo de acadar na UE "representación forte para defender os dereitos do país"

“O FROB e o goberno central queren acelerar a súa liquidación e o presidente da Xunta ten obriga de pronunciarse con claridade e poñerse á fronte da defensa do seu carácter galego”, defendeu Vence. 

Catro trabes para Europa

O Consello Nacional aprobou tamén os catro criterios básicos que conducirán á concorrencia da organización nacionalista ás eleccións ao parlamento Europeo. Compromiso claro coa defensa dos intereses da Galiza, defensa da soberanía dos pobos e das nacións sen estado, combate do modelo económico e social neoliberal hexemonizado polas finanzas e defensa dunha Europa democrática con institucións de representación popular son as ideas básicas coas que o BNG está a dar pasos para decidir a fórmula coa que se presentará aos próximos comicios. 

“O obxectivo é conseguir unha representación forte para defender os dereitos do país a través dunha coalición que poda acadar o referendo unha parte da cidadanía”, sinalou Vence, ao afirmar que o BNG fixo unha “proposta a todas as forzas galegas nacionalistas para convidalas a participar nunha candidatura que responda a estes criterios”. O BNG está a manter neste sentido “interlocución con forzas galegas e en contacto con forzas soberanistas de esquerda de todo o Estado na vía de conformar unha candidatura con criterios aprobados”.